Un equipo do Club Debate Compostela gaña o XII Torneo Interceu

Integrado por catro estudantes da USC, un equipo do Club Debate Compostela acaba de proclamarse campión do XII Torneo de Debate InterCEU, celebrado na Universidade CEU Cardenal Herrera de Valencia. A este recoñecemento súmase o logrado polo capitán do equipo universitario, o doutorando en Matemáticas Adrián Fernández que recibiu o recoñecemento ao Mellor Orador do Torneo. Do equipo gañador tamén formaban parte Aida González, de Xornalismo; Yasia Dolisnea, de Bioloxía; e Javier Páramo, de Ciencias Políticas e da Administración. De entre 18 equipos, o compostelán venceu en todos os debates nos que participou, sempre relacionadas con temas de actualidade. Na fase de grupos a competición comezou abordando a reforma dos estudos universitarios, respondendo á pregunta sobre se beneficiarán aos estudantes universitarios os planos de estudo dos graos de tres anos. Superada esta fase, o tema seguinte foi a economía grega a través da pregunta ‘Debe a Unión Europea debe seguir rescatando a Grecia?’. As posturas a favor e en contra ante as preguntas formuladas, como é habitual nestas competicións, sorteábase xusto antes do comezo de cada debate o que esixe un proceso de investigación e documentación previa por parte de cada equipo. Como explican os promotores da competición, os debates son un medio de desenvolvemento de habilidades orais cada día máis recoñecido.