Skip to main content

Un ciclo explora as ferramentas lexicográficas na era dixital

Isabel González foi a encargada de impartir a conferencia inaugural, nunha xornada na que estivo acompañada da coordinadora das xornadas, a profesora María Teresa Sanmarco Bande
Isabel González foi a encargada de impartir a conferencia inaugural, nunha xornada na que estivo acompañada da coordinadora das xornadas, a profesora María Teresa Sanmarco Bande

Filoloxía acolleu a celebración da primeira conferencia dun ciclo que revisa as ferramentas lexicográficas ao servizo do usuario na era dixital e que se prolongará ao longo do cuadrimestre a modo de xornadas formativas dedicadas a amosar e avaliar as ferramentas lexicográficas dispoñibles dende diferentes perspectivas e estadios. Dende a experiencia de usuarios a niveis especializados ou o abano de posibilidades nas consultas lexicográficas, nas distintas xornadas previstas tamén e prestará atención ao exemplo de empresas que ofertan servizos lingüísticos ou ás novas ferramentas de traballo para os profesionais da lexicografía. A conferencia inaugural impartiuna a catedrática de Filoloxía Italiana Isabel González, que tratou a problemática das equivalencias nos dicionarios bilingües de linguas afíns, dende a súa experiencia como directora e redactora de dicionarios e vocabularios que poñen en relación o galego coa lingua de Dante. En total, no ciclo Lexicografía 2015 “ Ferramentas lexicográficas ao servizo do usuario na era dixital”, intervirán dezaoito conferenciantes de recoñecido prestixio, que participarán en tres sedes do Sistema Universitario Galego (A Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela), coa finalidade de potenciar a transferencia de coñecementos e a divulgación de contidos lexicográficos, no espírito que anima as actividades promovidas pola rede temática de lexicografía RELEX, que reúne investigadores das tres universidades galegas. Os destinatarios son principalmente o alumnado universitario dos últimos anos de grao e o persoal en formación, doutorandos e investigadores novos. A inscrición ás xornadas é gratuíta e aínda é posible matricularse. Pódese obter un diploma acreditativo, no que figuran as horas de formación.

The contents of this page were updated on 03.18.2015.