Skip to main content

A USC pon en marcha unha nova edición do proxecto de hortos urbanos con sesións formativas en Santiago e Lugo

Sesión formativa e de traballo celebrada no horto do Colexio Maior Fonseca
Sesión formativa e de traballo celebrada no horto do Colexio Maior Fonseca

A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a través da súa Oficina de Desenvolvemento Sostible, vén de completar esta semana a posta en marcha da cuarta edición edición dos hortos urbanos coa celebración no campus de Lugo –en Santiago xa comezaron estas actividades a principios de marzo- da primeira sesión formativa, na que se abordaron cuestións sobre asociación e rotación de cultivos, planificación do horto, sementeiros e traballo da terra.

As sesións formativas do proxecto Hortos da USC terán continuidade no campus de Lugo durante os meses de abril e maio e desenvolveranse os días 10 de abril e 12 de maio en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, na aula Luciano Sánchez do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader). A primeira das actividades previstas prestará especial atención á xestión dos residuos orgánicos, á compostaxe e aos biofertilizantes. Os preparados fitosanitarios ecolóxicos contra pragas e enfermidades centrarán a sesión prevista para maio. Santiago xa ten os hortos en activo. Despois dunha sesión introdutoria e outra de posta en marcha de cada horto, as sesións formativas continúan este xoves 26 atendendo á asociación e á rotación de cultivos, á planificación dos hortos, os sementeiros e o manexo da terra. Así mesmo, a formación seguirá a mesma estrutura que a impartida en Lugo, centrándose o xoves 16 de abril na xestión dos residuos orgánicos, a compostaxe e os biofertilizantes e o xoves 7 de maio nos preparados fitosanitarios ecolóxicos para facer fronte ás pragas e ás enfermidades. A USC conta na actualidade con seis hortos urbanos. Os tres localizados en Santiago están emprazados na Praza da Residencia do Burgo das Nacións, bancais sobre o pavimento ou elevados; no edificio administrativo do CACTUS, xestionado exclusivamente por PAS e PDI, e na explanada de terra que hai detrás do Colexio Maior Fonseca. O campus de Lugo conta tamén con outros tres hortos urbanos: dous comunitarios, situados nos balcóns da Facultade de Formación de Profesorado e na residencia universitaria Jesús Bal y Gay, e outro, cunha superficie maior e sobre terra, emprazado nunha parcela da valgada do campus moi próxima á sede do Ibader. Obxectivos e participación Os Hortos da USC desenvólvense baixo os principios da agricultura ecolóxica co obxectivo de promover un modelo de desenvolvemento sostible. Ademais, nacen como espazos de participación da comunidade universitaria, onde alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, ademais doutras persoas alleas á USC, están convidados a colaborar nalgún do hortos existentes nos campus de Santiago e Lugo. O proxecto de hortos urbanos está incluído no programa de voluntariado medioambiental da USC e pode ser recoñecido academicamente. Tanto para obter máis información como para formalizar a inscrición nas distintas sesións formativas xa planificadas, as persoas interesadas poden consultar a web da Oficina de Desenvolvemento Sostible ou dirixirse ao enderezo de correo electrónico plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es). Os hortos comunitarios convértense nunha ferramenta para reducir a pegada de carbono alimentaria, promovendo a produción de alimentos na contorna e reducindo así as emisións de gases de efecto invernadoiro pola produción e transporte dos alimentos. A maiores, os hortos son espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible e máis saudable.

The contents of this page were updated on 03.25.2015.