Skip to main content

A Escola Politécnica celebra o Día Forestal Mundial con dous relatorios sobre xestión forestal e bosques nativos en América

Márcio Viera e David Aflleck, na Escola Politécncia Superior
Márcio Viera e David Aflleck, na Escola Politécncia Superior

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC conmemora coa organización de dous relatorios sobre xestión forestal pública e privada nos Estados Unidos e sobre bosques nativos introducidos en América do Sur a celebración do Día Forestal Mundial, unha efeméride proclamada pola ONU cada 21 de marzo para concienciar e sensibilizar sobre a importancia que teñen os bosques para a vida e o mantemento das actividades humanas.

Os dous relatores convidados a participar nesta xornada conmemorativa do Día Forestal Mundial, David Aflleck, da Universidade de Montana, e Marcio Viera, da Universidade Federal de Santa María (Brasil) están a completar na actualidade estadías de investigación na USC cos profesores e investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC Ulises Diéguez e Roque Rodríguez Soalleiro. David Aflleck abordou na súa intervención algunhas das singularidades que presenta a xestión forestal pública e privada nos Estados Unidos. Así, Aflleck ofreceu unha visión global dos principais tipos de masas forestais en EE.UU. e sobre como se xestionan segundo sexan terreos privados ou de propiedade pública, nos que os intereses acostuman ser contrapostos. O profesor doutor brasileiro Márcio Viera afondou no seu relatorio sobre os distintos tipos de vexetación natural en América do Sur, centrándose posteriormente nos aspectos máis relevantes dos bosques amazónicos, sobre todo en cuestións relativas á súa biodiversidade, procesos de deforestación e exemplos de xestión forestal sostible. Viera tamén aportou algunhas pinceladas sobre outros tipos forestais nativos de Brasil para logo comentar os aspectos mais relevantes sobre o cultivo de especies dos xéneros Eucalyptus e Pinus no Brasil.

The contents of this page were updated on 03.26.2015.