‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ participará en Murcia nos actos do Día Mundial do Teatro

A Aula de Teatro da USC levará a súa última producción a Murcia, onde convidada pola Escuela Superior de Arte Dramático desa cidade (ESAD), representará ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ en colaboración coa Orquestra do Espazo de Cámara compostelá. A representación da compañía universitaria pechará o programa de actividades organizado por ESAD con motivo do Día Mundial do Teatro. O musical preparado polo equipo da USC , representarase ás 13.30 horas despois da lectura do Manifesto do Día Mundial do Teatro, escrito este ano polo director polaco Krysztof Warlikowski. A Compañía da Aula de Teatro da USC conmemora este ano o 25 aniversario da súa creación e a súa última produción colectou nos últimos meses un destacado éxito de público tanto no seu estreo en Compostela como na súa posterior participación no Festival Internacional de Teatro Universitario celebrado na Universidade de Santiago. ‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’ é unha adaptación do musical de Stephen Sondheim que parte do libreto de Hugh Wheeler, cunha duración de 90 minutos e música en directo da man do Espazo de Cámara da USC.