Comezou a programación de Verán CampUSC 2015 para rapaces de 3 a 13 anos

Verán CampUSC 2015 botou a andar unha nova edición coas súas dúas primeiras quendas totalmente cubertas, nas que ofertaban preto de 100 prazas para o período comprendido entre o 22 de xuño e o 10 de xullo. Logo do primeiro período de inscrición, este programa de actividades deportivas estivais para rapaces de 3 a 13 anos superou as cifras de inscritos/as de edicións pasadas. Na actualidade existen prazas dispoñibles para a terceira quenda (do 13 ao 24 de xullo), para a cuarta (do 27 ao 31 de xullo) e para a quinta (do 1 ao 9 de setembro). As prazas sen asignar cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos definen o abano de propostas do Verán CampUSC. Rapaces e rapazas realizarán actividades de piscina, deportes de raqueta e de combate, psicomotricidade, deportes colectivos, orientación, acrosport, xogos predeportivos ou populares, entre outros. Dentro das propostas asociadas ao ocio e tempo libre inclúense obradoiros con distintas técnicas e materiais como modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia, así como cancións, xogos cooperativos, visitas a lugares significativos da cidade ou do seu contorno, entre outras propostas. As persoas interesadas poden ampliar información sobre esta convocatoria na web da Fundación USC Deportiva.