Skip to main content

A RedeTELGalicia desenvolve na USC a sétima edición das súas xornadas

A rede de investigación sobre e-learning RedeTELGalicia, na que participan tres grupos de investigación da USC, celebrará o vindeiro luns 9 no salón de actos do CiTIUS a VII edición das súas xornadas, que nesta ocasión inaugurará Milos Kravcik, investigador da Universidade de Aquisgrán (Alemaña) con recoñecido prestixio no ámbito da aprendizaxe baseada en novas tecnoloxías. RedeTELGalicia é unha rede de grupos de investigación interesados na aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na educación, centrándose principalmente en educación primaria e secundaria. Intervirán ademais a investigadora da USC Ana Rodríguez Groba e os representantes da Universidade de Vigo Mario Manso Vázquez e Manuel Caeiro-Rodríguez, que achegarán visións complementarias para alimentar o debate sobre a aprendizaxe regulada, tanto dende o punto de vista social como organizativo ou tecnolóxico. A xornada completarase coa presentación do portal Edu-AREA, un espazo aberto con recursos e plans destinado ao colectivo docente que dá soporte a licenzas Creative Commons e manexo de indicadores curriculares. Finalmente, expoñeranse as propostas de TELGalicia para o ano 2015.

The contents of this page were updated on 03.06.2015.