Skip to main content

A muller emprendedora, protagonista na USC do Día Internacional das Mulleres

O reitor no centro, coas integrantes de Woman Emprende e Carlos Hernández de Uniempre. Foto: Santi Alvite
O reitor no centro, coas integrantes de Woman Emprende e Carlos Hernández de Uniempre. Foto: Santi Alvite
A presenza da muller nas primeiras fases do proceso emprendedor é maioritaria na Universidade compostelá, rompendo coa tendencia existente en institucións iberoamericanas

A Universidade de Santiago é, entre as 17 iberoamericanas que conforman RedEmprendia, a que ten unha maior presenza da muller no proceso emprendedor. De feito, elas están presentes de maneira maioritaria nas dúas primeiras etapas, na de capacitación (un 72,5%) e na de asesoría técnica especializada previa á constitución da empresa (68,6%); na terceira, de incubación, o número de mulleres e homes é exactamente o mesmo. Estes datos, que ofrece RedEmprendia no informe Mujeres emprendedoras en la Universidad Iberoamericana: case todo por facer, contrastan cos valores negativos que ofrece o conxunto das universidades analizadas no que a presenza de mulleres é do 42% na fase de capacitación, do 34% na asesoría técnica e do 28% na final. As cifras que presenta a Universidade de Santiago obedecen en boa parte ao esforzo da institución no fomento do emprendemento, con especial atención ao da muller a través da creación hai anos do programa Woman Emprende, que hoxe a propia institución quixo recoñecer coa entrega dunha placa con Mención Honorífica pola súa traxectoria en prol da igualdade dende o punto de vista da creación de empresas. “O noso obxectivo –sinalan as súas responsables– consiste en conseguir que a porcentaxe de mulleres emprendedoras sexa similar ao de mulleres universitarias”. A entrega do galardón produciuse no transcurso do acto conmemorativo do Día Internacional das Mulleres que presidiu o reitor da USC Juan Viaño no Colexio de Fonseca e ao que asistiron a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Santiago, Mª José Corral López; e a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez. En primeiro termo, integrantes do programa Woman Emprende. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 03.06.2015.