Aberta a inscrición no Curso Avanzado de Especialización Orquestral, título propio da USC
As persoas interesadas en realizar o vindeiro ano académico o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, título propio da Universidade de Santiago que conduce á obtención do Gran Diploma de Especialización Orquestral, dispoñen de prazo ata o 25 de maio para realizar a inscrición a través da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM). O posgrao diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. O curso dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, e o alumnado disporá dunha bolsa de 300 euros ao mes e a posibilidade de aloxarse na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións. A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas. Os preseleccionados realizarán un proba final, que consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.
Este curso ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse cos membros da Real Filharmonía de Galicia –forman parte do claustro docente– e de participar nun mínimo de sete concertos con ela. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por mestres de recoñecido prestixio convidados pola Escola.