Cidades pensadas por e para a infancia, unha alternativa á degradación do espazo urbano

Cidades nas que os nenos e nenas sexan o parámetro a seguir para conformalas. Esa é a proposta do recoñecido educador Francesco Tonucci que xa funciona en máis de 200 cidades de todo o mundo. O psicopedagogo italiano presentou en Ciencias da Educación a tradución ao galego da súa obra A cidade dos nenos na que explica a posta en marcha en 1991 na súa cidade natal de Fano dun Consello Municipal da Infancia no que os máis novos puidesen colaborar no deseño e na planificación dos servizos e dos espazos urbanos. Partindo da filosofía de que unha cidade á medida da infancia redunda nunha maior calidade de vida para toda a veciñanza, Francesco Tonucci - colaborador de figuras tan destacadas como Gianni Rodari e Mario Lodi- avoga por favorecer que os nenos e nenas poidan ir sós á escola, que recuperen o tempo de lecer, que xoguen nos espazos urbanos recuperados para o uso peonil, entre outros retos alternativos á sobreprotección coa que son tratados habitualmente. “Fronte á degradación das cidades pensadas só polos adultos e para adultos, o proxecto de Tanocci promove unha nova filosofía de goberno das cidades onde os nenos sexan o elemento clave”, explicou o profesor da USC e autor do limiar do libro, Antón Costa, que acompañou a Tonucci no acto xunto coa decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; e Mónica Baleirón, unha das artífices desta primeira tradución ao galego con Sonia Santos e Rut Vázquez. A publicación que edita Kalandraka consta consta de tres partes: unha primeira sobre o descontento ante o modelo convencional de cidade; outra coas propostas de cambio; e finalmente, as experiencias xurdidas da execución do proxecto. Complétase co texto da Convención sobre os Dereitos do Neno, cunha “carta aberta á cidadanía de Fano” apelando á súa colaboración, e co artigo ‘A planificación para as distintas etapas da vida’ do sociólogo Lewis Mumford. Acompañando esas achegas, Tonucci introduce as súas coñecidas viñetas que condensan o sentir dos nenos e nenas e as reflexións a raíz dos seus encontros con distintos interlocutores. O autor
Francesco Tonucci é autor de numerosos libros sobre a infancia na sociedade actual. Graduado en Pedagoxía en 1963, traballou como mestre e dirixiu o Departamento de Psicopedagoxía do Consello Nacional de Investigación italiano. En 1997 foi nomeado presidente do Comité Italiano de Televisión e Menores para a protección da infancia. Colabora coa Cidade da Ciencia de Nápoles e co seu Laboratorio dos nenos e é asesor científico do proxecto ‘O museo dos nenos’ de Roma e doutras entidades vencelladas ao Proxecto Internacional da Cidade dos Nenos.