Skip to main content

Unha delegación da Universidade xaponesa de Aichi Prefectual visita a USC no marco do programa Vía Láctea

O reitor recibiu no seu despacho de San Xerome a comitiva da Universidade de Aichi Prefectural. Foto: Servimav-USC
O reitor recibiu no seu despacho de San Xerome a comitiva da Universidade de Aichi Prefectural. Foto: Servimav-USC

Representantes da Universidade xaponesa de Aichi Prefectural mantiveron este venres en San Xerome unha xuntanza co reitor Juan Viaño e o vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado, para dar conta do desenvolvemento do proxecto de cooperación Vía Láctea que posibilita intercambios e relación académicas e culturais entre Europa e Asia. O programa Vía Láctea 2014-2017 ten como enfoque a potenciación dos recursos de empregabilidade do alumnado mediante o estudo e desenvolvemento do patrimonio humanístico común que representa a irmandade do Camiño de Santiago co Kumano Kodo de Xapón, ambos patrimonio da humanidade, e inclúe a mobilidade de estudantes, PDI e PAS entre as universidades participantes. Xunto coa USC e a de Aichi Prefectural, este programa de mobilidade comprende as Universidades de Minho (Portugal) e Kanazawa, tamén xaponesa e que hai unhas semanas visitou tamén a compostelá. Grazas a este programa, que contempla unha formación integral non só académica senón tamén lingüística e empresarial –o alumnado deberá cumprir un período de prácticas en empresas-, vinte estudantes nipóns, dez da USC e dez da portuguesa de Minho ampliarán os seus estudos no ámbito das Humanidades á vez que perfeccionarán o coñecemento dun idioma cuxa aprendizaxe xa deberan ter iniciado no seu país de orixe. Ao alumnado hai que sumarlle ademais outros vinte docentes. Deseño exclusivo Cun deseño único en Europa e Xapón e exclusivo para este proxecto, o programa de mobilidade consiste en dous bloques de dez semanas en cada unha das dúas universidades de acollida, onde as clases e seminarios facilitarán a comparación e contraste dos distintos enfoques de formación cultural. O plan académico de 30 créditos ECTS inclúe tanto a formación lingüística intensiva como a formación cultural-laboral de prácticas coa intención de capacitar o alumnado para a súa integración pleno no mundo laboral. A USC, como universidade coordinadora do programa, presentou o proxecto de Vía Láctea ante a Axencia Executiva da Educación e Cultura Audiovisual (EACEA) da Comisión Europea como parte do programa de cooperación bilateral entre a UE e países industrializados que inclúe Xapón, Korea, Australia e Nova Zelanda. O proxecto foi seleccionado de entre 45 presentados, tendo asignado un financiamento máximo de 190.000 euros para accións de mobilidade de alumnado e profesorado ao longo de tres cursos académicos, ata setembro de 2017. O profesor Nakajima Shigeru asinou no libro de Honra da USC. Foto. Servimav-USC

The contents of this page were updated on 03.13.2015.