Skip to main content

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay abre na súa cafetería un novo punto de Bookcrossing no campus de Lugo

Estudantes rexistran os primeiros libros recibidos na zona de bookcrossing habilitada na 'Bal y Gay'
Estudantes rexistran os primeiros libros recibidos na zona de bookcrossing habilitada na 'Bal y Gay'

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay da USC vén de abrir o segundo punto de bookcrossing no campus de Lugo na cafetería do citado centro universitario. Esta iniciativa, promovida polos bolseiros de Cultura e Deportes e Internacionalización da ‘Bal y Gay’, Julián Constantino Leite e Juan Beltrán, respectivamente, en colaboración coa dirección do centro, pretende converter este espazo universitario nunha biblioteca aberta.

O novo punto de bookcrossing aberto no campus de Lugo da USC bota a andar cun número aínda reducido de fondos bibliográficos achegados fundamentalmente polos propios estudantes e usuarios da residencia ‘Bal y Gay’, así como polos libros cedidos pola biblioteca da Facultade de Formación de Profesorado, un centro tamén adherido á iniciativa bookcrossing e que xa conta cun espazo habilitado para a cesión libre e altruísta de libros e publicacións. A posta en marcha desta nova zona de bookcrossing na residencia universitaria ‘Bal y Gay’ constitúe unha nova posibilidade de enriquecemento persoal e cultural, ao tempo que permite ás persoas interesadas coñecer qué libros están á súa disposición en cada momento. “A idea é recrear o espírito dunha biblioteca aberta na propia residencia”, subliñan os promotores desta iniciativa, que indican que calquera persoa pode ceder libros á comunidade bookcrossing. Para formalizar esta doazón cómpre antes rexistrar o libro ou libros en cuestión, a través da asignación dun código que permitirá seguir en liña o percorrido que faga a través das persoas que o lean.

The contents of this page were updated on 03.11.2015.