Skip to main content

Recollen nun libro 70 anos de historia de la Medicina académica en Compostela

De esquerda á dereita: José Cabezas, Juan Gestal, Juan Viaño, Luis Verde e José Castillo. Foto: Santi Alvite
De esquerda á dereita: José Cabezas, Juan Gestal, Juan Viaño, Luis Verde e José Castillo. Foto: Santi Alvite

O libro ’70 anos de historia de la Medicina académica en Compostela’ representa “unha achega a unha dimensión de grande interese e, por veces, pouco glosada nun sistema académico que corre perigo de examinar máis ben indicadores que a persoas: a historia vital do colectivo humano que, co seu traballo, en principio docente e asistencial e posteriormente investigador, fixo posible o admirable comportamento da Facultade de Medicina de Santiago”. Así se desprende do prólogo asinado polo reitor Juan Viaño neste volume que, ao longo de vinte capítulos nos que se mesturan recordos e notas autobiográficas, describe a historia dos últimos setenta anos do ensino da Patoloxía xeral e médica na facultade compostelá. O percorrido que traza o libro permite analizar o paso “dunha facultade simbólica a un centro referente en docencia e investigación. Pasamos dun edificio ao carón de San Francisco, a un importante complexo formado polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Aulario Novoa Santos, a propia facultade do campus histórico e todo o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago”. “Esa é a modernidade: cambiar cos tempos” engadiu o reitor, quen a partir da análise histórica proposta no libro presentado aludiu aos cambios que se presentan no futuro máis inmediato para a docencia médica, “debemos facer un exercicio claro de responsabilidade para medir ben o que temos, analizar ben o que precisamos e focalizar do mellor xeito posible para conseguilo”. En opinión do reitor Juan Viaño, “só con rigor, diálogo e convición lograremos que a nosa universidade siga na senda do bo facer, da calidade e da referencia para todas aquelas familias que depositan en nós a responsabilidade de formas as seguintes xeracións de profesionais da medicina e a investigación sanitaria”. A presentación celebrouse na Facultade de Medicina da USC nunha sesión protocolaria presidida polo reitor Juan Viaño e na que tamén interviñeron José Cabezas Cerrato en representación dos coordinadores do libro; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde Remeseiro; o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; e o director do Departamento de Medicina, José Castillo Sánchez.

A obra que coordinaron José Cabezas Cerrato, Vicente Lorenzo Zúñiga e José Antonio Torre Carballada supuxo un importante traballo no arquivo da Facultade de Medicina e da propia Universidade que se completou recorrendo aos propios familiares. A organización do material fíxose en orde cronolóxica aínda que “en materia científica a historia é raramente lineal” para resaltar mellor a evolución da medicina académica no espazo de tempo elixido. Como valorou o decano Juan Gestal, “a nosa facultade acaba de cumprir 366 anos e a súa historia ao longo do século XX é unha materia pendente”. Na súa opinión, “obras como esta permiten ir acumulando información para que algún día deixe de selo” e adiantou a próxima finalización doutro volume dedicado á docencia da farmacoloxía en Santiago.

The contents of this page were updated on 06.22.2015.