Skip to main content

Investigadores da Escola Politécnica Superior desenvolven un estudo xenético das variedades de castiñeiro de Suíza

O profesor Santiago Pereira, no seu despacho na Escola Politécnica Superior de Lugo
O profesor Santiago Pereira, no seu despacho na Escola Politécnica Superior de Lugo
O catedrático da USC Santiago Pereira presenta este venres en Bellinzona os resultados da investigación realizada en colaboración co INRA de Burdeos entre 2012 e 2015

Os Investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Santiago Pereira Lorenzo e Ana Ramos, que forman parte do grupo GI-1652 Agronomía da USC, desenvolveron ao longo dos últimos tres anos un estudo xenético das variedades de castiñeiro de Suíza, no marco dun proxecto financiado pola organización suiza In Situ Vivo Sàrl.

O traballo realizado baixo a dirección do catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Santiago Pereira e no que tamén colaborou a bióloga Teresa Barreneche, do Instituto Nacional de Investigación Agronómica (INRA) de Burdeos, fixo posible a análise de 775 exemplares suízos de castiñeiro mediante 24 marcadores moleculares que foron contrastadas cos resultados previos obtidos na Península Ibérica e nas Illas Canarias. Este laborioso estudio deparou a identificación dun total de 583 xenotipos de castiñeiros e a súa posterior agrupación a carón de dous grupos principais, que están relacionados con outras dúas variedades de castiñeiro relevantes, tal e como o son a variedade italiana denominada ‘Marrone di Cuneo’ ou a suíza ‘Marrone Ticino’. Unha vez rematados os traballos de investigación e analizados e clasificados os datos obtidos, Santiago Pereira Lorenzo presentará o venres na ‘Casa del Popolo’ da cidade suíza de Bellinzona, capitalidade do cantón do Tesino, os resultados dos estudos desenvolvidos no campus de Lugo respecto da xenética das variedades de castiñeiro de Suíza.

Estas novas achegas científicas son de especial interese para os promotores do proxecto ‘Castaña suíza occidental’, unha actuación coordinada por Yves Bischofberger no marco do Plan de acción nacional sobre as investigación fitoxenéticas para a alimentación e a agricultura, promovido pola Oficina Xeral de Agricultura e orientado a acadar melloras no que afecta a cuestións de certificación e protección das variedades vexetais.

The contents of this page were updated on 06.16.2015.