Skip to main content

Rafael Navarro convida a unha viaxe polo namoramento nunha mostra inédita en Fonseca

Unha das fotografías da serie 'El sueño' da mostra de Rafael Navarro
Unha das fotografías da serie 'El sueño' da mostra de Rafael Navarro
O prestixioso fotógrafo contemporáneo inaugura ‘Elipsis’ este mércores 17

A través de corenta imaxes o fotógrafo zaragozano Rafael Navarro convida ao espectador a facer un percorrido polas relacións de parella na mostra inédita ‘Elipsis’ que se inaugura este mércores 17 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca a iniciativa de CampUSCulturae. As imaxes, divididas en oito coleccións de cinco elementos, supoñen a representación formal da viaxe que percorremos cando experimentamos un namoramento e na que o autor se apoia nos elementos plásticos presentes de sempre na súa obra: a paisaxe, o vexetal, o mineral e, sobre todo, o corpo humano. Nesta ocasión as fotografías contan coa complicidade dos poemas de Anxo Guinda, que xa colaborou anteriormente con Navarro noutra serie. O título ‘Elipsis’ fai referencia á figura retórica consistente na eliminación dalgunha parte da oración sen que por iso esta perda significado. Só cinco imaxes para expresar o sentimento de cada un dos momentos da universalidade das relacións amorosas: o soño, a esperanza, o encontro, a calma, o quebranto, a fuxida, o abandono e a amargura. A universalización que ofrecen as imaxes, explica a comisaria da mostra Angélica Soleiman, remite a outro aspecto da obra do autor como é o minimalismo, a capacidade de reducir ao esencial, ao necesario e o específico. ‘Elipsis’ acompáñase dun vídeo que mostra unha selección de obras do autor desde 1975 ata 2012, para poder obter unha visión de conxunto da obra deste consagrado autor contemporáneo. A exposición poderá visitarse ata o 29 de agosto de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. O autor Rafael Navarro(Zaragoza, 1940) iniciou a súa carreira artística a principios da década dos setenta. A súa obra é un reflexo do seu mundo interior, onde mostrar o evidente case nunca foi un obxectivo; renuncia con frecuencia ao control do movemento, da técnica ou á rigorosa exactitude mecánica que permite a fotografía. Outra das constantes na súa dilatada obra é a importancia que nela exerce a súa fascinación pola natureza, o corpo humano libre dos artificios da roupaxe ou como os ciclos e os tempos se abren camiño e deixan o rastro nunha pedra ou nunha masa vexetal. A súa obra expúxose en museos estatais e internacionais en máis de 700 ocasións e forma parte de fondos de institucións de todo o mundo. Como recoñecemento á súa achega á arte contemporánea, a Real Academia de Nobres e Belas Artes de San Luis incorporouno como Académico de Número e en 2013 o Goberno de Aragón concedeulle, por vez primeira a un fotógrafo, o Premio Aragón Goya.

The contents of this page were updated on 06.16.2015.