Skip to main content

Catro investigadoras de Psicoloxía gañan o premio ao mellor póster da III Xornada Universitaria Galega en Xénero

Póster gañador
Póster gañador
Advirten da aparición dun fenómeno de violencia entre parellas novas e de novas condutas de control e abuso a través das TIC

“É crucial levar a cabo investigacións que nos permitan identificar novas formas de violencia e os seus correspondentes factores de risco, de maneira que poidamos freala canto antes e reducir os seus efectos”. Con esta premisa as investigadoras da Unidade de Psicoloxía Forense da USC Judith Velasco Rodríguez, Esther Arias Martínez, Raquel Monteserín Romero e Susana Blanco Fernández analizaron a literatura existente sobre violencia de xénero para identificar as principais liñas de traballo, os temas de maior interese e as novas tendencias. O estudo ‘A investigación en violencia de xénero. ¿Cara a onde nos diriximos?’ resultou gañador do premio ao mellor poster entre os 40 presentados na III Xornada Universitaria Galega en Xénero que tivo lugar estes días en Pontevedra organizada polas tres universidades galegas. As autoras advirten no traballo da aparición dun fenómeno de violencia entre parellas novas, baseado en estereotipos, mitos e ideas preconcibidas que deriva nunha normalización da violencia e por tanto na súa aceptación. Ademais, alertan de que as novas tecnoloxías está propiciando o xurdimento de novas condutas de control e abuso, o que incide aínda máis na gravidade do problema. Accésits Nesta terceira edición das xornadas entregáronse ademais tres accésits aos pósters ‘Mulleres e terra en países en desenvolvemento, de Nélida Lamelas Castellanos, e ‘Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís’, de Lucía Casal de la Fuente, ambas as dúas da USC, e a ‘Zelda Fitzgerald: unha artista á sombra do seu marido’ da investigadora da UDC Vanesa Vázquez Novo.

The contents of this page were updated on 06.10.2015.