Un curso de verán ensina a aproveitar todas as potencialidades dos MOOCs

Especialistas internacionais de primeira liña participarán este mes de xullo, entre os días 21 e 24, nun curso de verán que analizará en Santiago os cursos en liña masivos e abertos –coñecidos como MOOCs– a travésde conferencias, mesas redondas e obradoiros nos que se ofrecerá unha visual actual e real das potencialidades destas novas ferramentas e o seu impacto na educación. O prazo de matrícula remata o vindeiro 10 de xullo. Farase especial fincapé en presentar as posibilidades dos MOOCs desde o punto de vista pedagóxico, pero tamén se incidirá nas necesidades tecnolóxicas e metodolóxicas que se requiren para permitir o axeitado desenvolvemento dos cursos, o que o fai interesante tanto para profesionais da pedagoxía e a docencia como da tecnoloxía. Ademais de especialistas das Universidades de Santiago e Vigo, entre os relatores do curso de verán figuran Stephen Downes, investigador de recoñecido prestixio internacional no campo da aprendizaxe en liña que actualmente traballa para o Consello Superior de Investigación Científica de Canada; Jordi Adell Segura, director do Centro de Educación e Novas Tecnoloxías da Universidade Jaume I de Castellón; Grainne Conole, directora do Instituto de Innovación na Aprendizaxe da Universidade de Leicester; o catedrático da Universidade Carlos III de Madrid Carlos Delgado Kloos; Mercedes Rey Fandiño, responsable da plataforma openEdX; e David Alvárez Jiménez, de Conecta 13.