A minimización e valorización dos subprodutos da industria alimentaria, a análise nun curso de verán da USC

A minimización dos residuos que xeran, así como o mellor aproveitamento de todos aqueles subprodutos e coprodutos que orixinan na súa actividade é un dos eidos nos que pretende afondar a USC a través do curso de verán ‘ Minimización dos residuos e valorización de subprodutos da industria alimentaria’, un programa formativo que se desenvolverá do 21 ao 23 de xullo na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader). O prazo de inscrición neste curso da Universidade de Verán 2015 da USC remata o 10 de xullo.
Este curso, dirixido polas profesoras da USC Elvira López Mosquera e Socorro Seoane Labandeira, parte da idea de que a minimización de residuos e o aproveitamento e valorización das dos subprodutos das industrias alimentarias constitúen dúas cuestións prioritarias para para mellorar a competencia e a sostibilidade das industrias e dos seus procesos produtivos. Daquela, os relatores participantes neste seminario estival, estruturado en 22 horas lectivas e para o que se ofrecen un total de 50 prazas, tratarán de propoñer solucións innovadoras e eficientes en ambos aspectos. Os Problemas ambientais asociados a industria agroalimentaria, o cambio de modelo na xestión de residuos, a valorización de coprodutos nas industrias leiteiras, a obtención de biopolímeros a partir de restos de panadería, o tratamento de lodos de industria cárnica para obtención de abonos de alto rendemento, a xestión e valorización de subprodutos madeireiros, o desenvolvemento e optimización de procesos de baixo impacto oriental destinados a valorizar descartes e subprodutos pesqueiros, o uso de cuncha de mexillón como bioabsorbente de tóxicos ou a minimización e posta en valor dos residuos da industria vitivinícola e cervexeira serán algúns dos temas que se abordarán neste foro.