Skip to main content

A primeira promoción de Enxeñaría Agronómica da USC festexa as súas vodas de prata cun acto na Escola Politécnica Superior

Javier Bueno, no centro da imaxe, presidiu a xornada celebrada na ETSE
Javier Bueno, no centro da imaxe, presidiu a xornada celebrada na ETSE
A colocación dunha placa conmemorativa de tal efeméride serviu para estrear o Recanto da Saudade promovido pola AAAUSC no campus de Lugo

A primeira promoción de enxeñeiros agrónomos egresados da USC celebra este venres as súas vodas de prata cun acto conmemorativo na Escola Politécnica Superior, tralo que procederon a colocar unha placa de recordo desta efeméride no Recanto da Saudade’, un novo espazo habilitado na sede universitaria luguesa a iniciativa da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e que pretende servir de lugar de reencontro dos antigos estudantes no campus coa súa Universidade.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidiu o acto institucional organizado pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAUSC) co gallo da celebración das vodas de prata da primeira promoción de titulados/as Enxeñería Agronómica saídos do campus de Lugo da USC. O director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García; o tamén profesor da USC Francisco Maseda, quen desempeñou as funcións de director da EPS entre 1987-1990, cando se egresou esta primeira promoción de Enxeñaría Agronómica; o alcalde de Lugo, José López Orozco, e a presidenta da AAAUSC, Benita Silva Hermo, tamén interviñeron como relatores na simbólica sesión celebrada na sala de xuntas da EPS. A vogal da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela, a catedrática da USC Julia Melgar Riol, tamén participou neste emotivo acto, que congregou a varios dos 25 integrantes da primeira promoción de Enxeñaría Agronómica da USC, así como a profesores e estudantes do centro universitario lugués. A colocación dunha placa conmemorativa desta efeméride no monolito doado polo Concello de Lugo e que preside o Recanto da Saudade do campus lugués foi un dos momentos máis emotivos desta xornada conmemorativa, que, precisamente coincide coa festividade de San Cidre, o patrón dos enxeñeiros agrícolas e agrónomos e tamén da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

The contents of this page were updated on 05.15.2015.