Skip to main content

O reitor clausurou as actividades do programa de innovación Akademia 2014-2015

No centro da imaxe Juan Viaño e Sergio Martínez-Cava nun momento da clausura
No centro da imaxe Juan Viaño e Sergio Martínez-Cava nun momento da clausura

O reitor Juan Viaño presidiu este martes 12 a clausura da edición 2014-2015 do programa de innovación Akademia que por sétimo ano consecutivo recalou na institución docente compostelá. Nesta sesión no edificio Emprendia, acompañou ao reitor o director de Fundación Innovación Bankinter, Sergio Martínez-Cava Camacho. Este curso é unha iniciativa pioneira que busca estimular unha actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes universitarios/as. O programa, polo que xa teñen pasado máis de 650 persoas, fomenta entre o estudantado a oportunidade de experimentar a innovación dunha forma diferente. Neste senso, o 98% das persoas que o cursaron recoméndano, destacando entre outros aspectos, que Akademia achega ferramentas e conceptos enfocados na innovación que non son específicos dunha disciplina concreta, ofrecendo ao alumnado unha visión máis ampla para a xeración de ideas e resolución de problemas. Quen se achega ao curso analiza tendencias da innovación tratadas no Future Trends Forum e traballa en grupos multidisciplinarios na creación e desenvolvemento dun proxecto innovador. Esta é unha acción formativa dirixida para alumnado de grao ou posgrao e que teñan unha mente inquieta disposta a asumir o reto da innovación. Na xornada do martes e con anterioridade ao acto de clausura, celebrouse a presentación de proxectos resultantes nesta edición e a entrega de diplomas aos participantes. Con este iniciativa que promove a Fundación da Innovación Bankinter en colaboración coa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova da USC aposta, mediante este programa único, por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que aporten valor.

The contents of this page were updated on 05.11.2015.