Skip to main content

Lemas e relatorios a prol da eliminación da violencia contra as mulleres na residencia Jesús Bal y Gay

De esquerda a derieta, Jorganes, Teixeiro, Silva, Vázquez e Sánchez, na residencia Jesús Bal y Gay
De esquerda a derieta, Jorganes, Teixeiro, Silva, Vázquez e Sánchez, na residencia Jesús Bal y Gay

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC adiantou un día á celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, unha efeméride que se conmemora hoxe, coa organización do relatorio ‘Violencia contra a muller. Contos con final feliz?’, a cargo de Fanny Sánchez, co fundadora da asociación Bonhomía.

A diplomada en Traballo Social e licenciada en Criminoloxía Fanny Sánchez, que tamén é especialista en intervencións sociais profesionais e atención a mulleres en situacións de vulnerabilidade, aproveitou a súa intervención ante os estudantado universitario da residencia Jesús Bal y Gay para facer unha reflexión crítica sobre a implicación dos elementos culturais e socializadores da nosa infancia no actual exercicio da violencia sobre a muller. As dificultades da loita pola igualdade nunha sociedade patriarcal foi unha das ideas expostas por Fanny Sánchez no seu relatorio, unha intervención durante a que tamén salientou a violencia de xénero e a prostitución como exemplos do tradicional poder e dominación do home sobre a muller. O relatorio ‘Violencia contra a muller. Contos con final feliz?’ capitalizou os actos organizados na residencia Jesús Bal y Gay co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, unha sesión que contou coa participación da vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva, así como da directora da residencia universitaria do campus de Lugo, Paula Vázquez, e da responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC na sede luguesa, Fátima Teixeiro. Este acto a prol da eliminación da violencia contra as mulleres serviu asemade para proceder á entrega de premios ás persoas galardoadas na segunda edición do concurso de lemas contra a violencia de xénero, un certame organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, que entre outros, premiou o lema ‘Cero tolerancia, cero dezaseis’, da alumna do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Patricia Jorganes Villanueva.

The contents of this page were updated on 11.25.2015.