Skip to main content

O Campus da Cidadanía dá os seus primeiros pasos coa aprobación da súa memoria inicial

Asumirá un rol vertebrador da investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento en todos os ámbitos das Ciencias Sociais, Xurídicas e as Humanidades

Máis de cen grupos de investigación rexistrados, unha ducia de centros de investigación, dez facultades e máis dun milleiro de profesores e investigadores conforman a semente do Campus da Cidadanía da USC, un proxecto que está a dar os seus primeiros pasos de cara a converterse en referente nacional e internacional no ámbito da investigación e a docencia en Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades. O Consello de Goberno na xuntanza celebrada este venres aprobou a memoria inicial deste proxecto que “desexa servir de ponte e confluencia entre a Universidade e a sociedade en todos os ámbitos relacionados coa investigación, o desenvolvemento e a transferencia de coñecemento”. O órgano colexiado trasladou unha serie de recomendacións para mellorar determinados aspectos da memoria inicial. O Campus da Cidadanía é un proxecto transdisciplinar que xunta saberes de múltiples ámbitos que inclúen a a pedagoxía e as didácticas, a psicoloxía, o dereito, a criminoloxía, a socioloxía, a economía, a empresa, a ciencia política, a filosofía, a antropoloxía e a lóxica, as ciencias da cultura, o xornalismo e a comunicación, a lingüística e a literatura, a arte, a historia, a música, a xeografía, a arquitectura ou o Urbanismo. A iniciativa axudará a “aumentar a visibilidade das contribucións á ciencia e o coñecemento realizadas na USC e que supoñan un avance en todas as áreas das Ciencias Sociais, Xurídicas e as Humanidades, contribuíndo a situar a USC como un referente” nestes eidos. No período 2009-2014, os centros, grupos de investigación e persoal investigador destas dúas áreas de coñecemento captaron preto de 54 millóns de euros en proxectos competitivos e contratos. Tamén resulta significativo o número de proxectos captados igualmente en convocatorias competitivas e contratos de transferencia, un total de 1.807. Outros asuntos tratados nesta xuntanza do Consello de Goberno foron unha modificación da normativa de permanencia para aumentar en casos excepcionais o número máximo de créditos a cursar anualmente e as convocatorias para a adxudicación de axudas para a escolarización de nenos e nenas menores de tres ano no Campus de Lugo e para a asignación de prazas na Escola Infantil Breogán de Compostela o vindeiro curso 2015-2016. Completan a orde do día da xuntanza diversos acordos de transferencia de coñecemento, regulamentos de centros, convenios e dúas memorias de cursos de posgrao propios.

The contents of this page were updated on 05.08.2015.