Skip to main content

A USC presenta en Navarra a técnicos da Comisión Europea as accións desenvolvidas en Galicia no proxecto Life-Tremedal

Técnicos e investigadores implicados no proxecto Life-Tremedal, durante unha visita de campo en Navarra
Técnicos e investigadores implicados no proxecto Life-Tremedal, durante unha visita de campo en Navarra

O profesor da USC Pablo Ramil Rego, que coordina o desenvolvemento do proxecto Life-Tremedal Galicia, e os investigadores do Grupo de Investigación Territorio-Biodiversidade do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC que participaron no desenvolvemento das accións realizadas na comunidade galega ao abeiro deste programa europeo para mellorar a restauración e conservación de zonas húmidas interiores do Norte da Península Ibérica, presentaron en Navarra as actuacións e os resultados as actuacións xa executas en tres zonas húmidas da provincia de Lugo.

Os investigadores da USC aproveitaron a visita a Navarra dos responsables técnicos e financeiros da Comisión Europea encargados da supervisión da marcha do proxecto europeo Life-Tremedal para informarlles dos labores xa desenvolvidos en Galicia e dos avances acadados neste tempo. Daquela, a USC, que é a entidade que coordinada o proxecto Life-Tremedal en Galicia, informou aos responsables europeos das accións de restauración xa executadas na Lagoa de Cospeito, Insua de San Roque, no municipio de San Roque, e Pozos do Ollo, no concello de Begonte. Estas tres zonas húmidas emprazadas na provincia de Lugo foron os enclaves nos que os investigadores da USC desenvolveron distintos traballos ao longo dos últimos anos no marco do Life-Tremedal. Seminario final do proxecto A visita realizada esta semana a Navarra polos responsables técnicos e financeiros deste programa europeo constitúe un paso previo á celebración do seminario final do proxecto Life-Tremedal, un foro de intercambio de experiencias e coñecementos no que participarán todas as persoas que desenvolveron accións de campo e investigacións ao abeiro deste programa europeo de restauración e conservación de áreas húmidas e que se desenvolverá en Pamplona os días 22 e 23 de outubro de 2015. O Seminario Final do LIFE+ TREMEDAL ‘Humidais continentais do norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos’ ten por obxecto compartir a experiencia e o coñecemento xerados durante o desenvolvemento das distintas accións do proxecto, tanto a nivel divulgativo, como técnico e científico. Os promotores desta xornada, organizada por Xestión Ambiental de Navarra, Universidade de Santiago de Compostela, Tragsa, Universidade de Oviedo, Parque Nacional dos Picos de Europa, Deputación Foral de Álava e a fundación do Goberno vasco para o desenvolvemento rural, litoral e alimentario (HAZI), en colaboración coas distintas administracións locais e autonómicas dos territorios afectados, pretenden ademais compartir e complementar a experiencia de Tremedal con outros proxectos similares que veñen a desenvolverse a nivel europeo. Deste xeito, na nómina de relatores convidados a participar o vindeiro outono no seminario final do Life-Tremedal, un foro que inclúe unha xornada de exposicións teóricas, seguida doutra de saídas e viaxes ao campo, figuran expertos en distintos campos relacionados coa xestión de zonas húmidas e cos membros do comité Internacional de Asesoramento do propio Tremedal. A sesión inaugural do seminario estará a cargo dos responsables políticos dos distintos territorios participantes no proxecto Life-Tremedal, que darán paso a catro sesións que se corresponden cos bloques temáticos desenvolvidos no programa. En cada unha das sesións, que se desenvolverán baixo os epígrafes temáticos ‘As zonas húmidas no contexto da conservación en Europa’, ‘Boas prácticas para a xestión e conservación de zonas húmidas’, ‘Conservación de flora e fauna en zonas húmidas continentais’ e ‘Servizos ecosistémicos das zonas húmidas e outras funcións’, participarán os técnicos responsables das distintas accións do proxecto, dos distintos territorios, e tamén os expertos convidados e membros do comité internacional de asesoramento. As visitas técnicas a distintas turbeiras do ámbito navarro de Tremedal. O prazo de inscrición para tomar parte neste seminario final do proxecto Life-Tremedal está aberto e as persoas interesadas en participar tanto nas sesións teóricas como nas visitas de campo poden formalizar xa a súa inscrición en liña a través do formulario dispoñible na propia páxina web do proxecto Life-Tremedal.

The contents of this page were updated on 05.12.2015.