Skip to main content

Lucus Ensemble pecha o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto no auditorio da Casa do Saber

Integrantes de Lucus Ensemble
Integrantes de Lucus Ensemble
A formación dirixida por Alejandro Troya interpretará obras de Dvorák, Galliano, Albéniz, Gardel e Piazzola nun concerto que comezará ás 20.00 horas

Lucus Ensemble, unha formación de música de cámara mixta vento-corda nada a comezos do ano 2014 froito da inquietude musical dos seus fundadores, a violonchelista pontevedresa Cristina Nogueira e o clarinetista viveirense Santiago Noriega, pechará o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’, un programa de música de cámara organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, cun concerto, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber.

Cun cadro fixo de dez músicos, Lucus Ensemble, unha formación dirixida polo mestre valenciano Alejandro Troya e da que tamén forman parte Tania Balboa (óboe), Miguel A. Díaz (clarinete), Santiago Noriega (clarinete), María Losada (fagot), Cristina Díaz (frauta), Araceli Martínez (contrabaixo, Cristina Nogueira (violonchelo), Carlos Vázquez (percusión) e o trompetista e acordeonista Moisés López, avanza na súa procura de facerse un oco no elenco de grupos de música de cámara de Galicia. No concerto de peche do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ de 2015, esta formación musica nada e asentada en Lugo, ofrecerá un programa estruturado en dous actos. Na primeira parte, os músicos de Lucus Ensemble interpretarán obras de Antonín Dvorák, para logo dar continuidade á súa actuación con pezas de Galliano, Albéniz, Gardel e Piazzola.

A entrada para este concerto de música de cámara é libre e de balde, como todas as actuacións programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC, Deputación de Lugo e Concello de Lugo.

The contents of this page were updated on 05.14.2015.