Alumnos de teatro do IV Ciclo apoian unha campaña de Bonhomía para que os nenos de Lugo teñan agasallos en Nadal
Raúl Fariñas e Alicia Ferreiro, dous alumnos do taller de arte dramática do IV Ciclo da USC no campus de Lugo, veñen de dar o salto ao mundo da publicidade a través da da campaña solidaria ‘ Ningunha árbore baleira’, unha iniciativa altruísta promovida pola Asociación Bonhomía, e a través da que se pretende que ningún neno de Lugo se quede sen agasallo de Reis durante as próximas festas de Nadal.
Fariñas e Ferreiro, un matrimonio na vida real involucrado desde hai anos nos obradoiros de teatro programados pola USC no marco do programa de IV Ciclo, dan vida no spot divulgativo da campaña a unha parella de avós que agasalla cun camión á protagonista, unha nena que envexa o xoguete doutro neno. O obxectivo de ‘Ningunha árbore baleira’, que non é outro que o de procurar xoguetes para nenos e nenas de familias sen recursos económicos, foi decisivo para que Raúl e Alicia aceptaran o convite feito á Aula de Teatro da USC no campus de Lugo pola Asociación Bonhomía, resultante da unión de sete persoas, profesionais de diversas disciplinas e residentes en tres provincias españolas (Lugo, A Coruña e Valencia). A coordinadora da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, destaca que este tipo de accións dan boa conta da dimensión social e interxeneracional que debe ter o teatro universitario e en especial as intervencións que teñen como protagonistas a alumnos do IV Ciclo, “ un colectivo universitario dinámico, con múltiples e diferentes inquedanzas e que constitúe unha permanente fonte de aprendizaxe”, di.