A EPS divulga o grao de Xeomática e Topografía cun concurso de ‘geocaching’ aberto a estudantes de ensinanzas preuniversitarias

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC organiza un concurso de geocaching aberto á participación de estudantes de segundo ciclo da ESO, Bacharelato ou de ciclos formativos superiores en calquera centro educativo de Galicia. As persoas interesadas en participar neste certame poden formalizar a súa inscrición de balde no enderezo de correo electrónico eos.geocaching [at] usc.es (eps[dot]geocaching[at]usc[dot]es), a través do que tamén poderán solicitar información ao respecto desta convocatoria.
O primeiro concurso de geocaching organizado na EPS desenvolverase o vindeiro 18 de novembro na contorna do campus universitario de Lugo, onde as persoas participantes, organizadas en equipos de catro ou cinco estudantes do mesmo centro acompañados dun alumno do título de grao en Xeomática e Topografía na EPS, deberán superar as probas indicadas pola organización. O concurso programado pola Escola Politécnica Superior é un geocaching múltiple, pois trátase dunha variación do orixinal na que os participantes se dirixen co seu XPS do móbil ou cun navegador que lles facilitará a EPS a partir dunhas coordenadas iniciais, á procura do primeiro tesouro, para logo atopar ata 4 geoaches diferentes ocultos en distintas localizacións. Nesta procura, os participantes deberán dar resposta a diversas preguntas relacionadas coa Xeomática para acceder ás coordenadas das seguintes posicións. O programa deste concurso de geocaching desenvolverase en quenda de mañá. Os membros da organización recibirán os participantes ás 10.00 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde logo se desenvolverá un relatorio de presentación da titulación de grao en Xeomática e Topografía. Unha sesión introdutoria sobre manexo e recursos do XPS e para dar as instrucións do concurso propiamente dito marcarán o inicio da competición, que se desenvolverá de 11.30 a 13.30 horas, e rematará coa entrega de premios. Os integrantes do equipo gañador recibirán como agasallo cadanseu dron con cámara, ademais dun diploma para o centro. O segundo premio contempla gafas 3d móbil para cada participante e diploma acreditativo para o centro educativo.