Skip to main content

O campionato D3Mobile da USC, convidado a dous eventos europeos sobre ensinanza das ciencias e uso das TIC na aula

Cartaz das sesións
Cartaz das sesións
Mariluz Gil e Teresa Rego presentan desde este venres en Bruxelas a iniciativa da USC a coordinadores de proxectos e directores de centros europeos da man de Scientix

O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil ‘ D3Mobile Metrology World League’, un certame promovido polo grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC e a través do que se busca potenciar as vocacións científicas en estudantes de ensinanzas medias de todo o mundo, estará presente desde este venres en Bruxelas no marco da 9th Scientix Projects Networking Event on Experiencing STEM and Dixital Skills inside and outside of the classroom e no 9th Science Projects Workshop in the Future Classroom Lab, dous foros impulsados por Scientix e nos que as investigadoras da USC Mariluz Gil Docampo e Teresa Rego Sanmartín presentarán as características e os obxectivos dunha iniciativa pioneira como o é D3Mobile Metrology World League.

Os dous eventos científicos nos que se presentará este campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil están organizados por Scientix, unha iniciativa de European Schoolnet, a rede de 31 Ministerios Europeos de Educación financiada polo VII Programa Marco da Unión Europea. Scientix, tal e como se coñece a comunidade para o ensino das ciencias en Europa, cuxo punto de contacto nacional é a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), é un proxecto de referencia internacional que promove e apoia a colaboración entre docentes, investigadores do ámbito do ensino, lexisladores e outros profesionais da docencia de materias CTIM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) (ou STEM, polas súas siglas en inglés) a nivel europeo. As investigadoras do grupo USCAN3D Mariluz Gil Docampo e Teresa Rego Sanmartín, ofrecerán este venres no Laboratorio da Aula do Futuro (FLC) un primeiro relatorio de presentación, no que exporán a traxectoria seguida polo campionato D3Mobile desde que arrincou a primeira edición, en 2012. Durante este primeiro evento, compartirán e intercambiarán a súa experiencia, métodos, problemas, boas prácticas, etc. con outros responsables de proxectos de ensino de STEM e habilidades dixitais de varios países europeos. O FLC é un proxecto independente promovido tamén por European Schoolnet (EUN), cuxo obxectivo é brindar unha plataforma para que os responsables políticos poidan reformular estratexias relacionadas coas TIC, ademais de para que e o profesorado, os directores dos centros escolares e os asesores en TIC poidan experimentar con enfoques pedagóxicos innovadores e contornas flexibles de aprendizaxe. O FCL consta, por unha banda, dun gran espazo reconfigurable equipado coa tecnoloxía máis nova e, por outro, dispón dunha sala deseñada como aula interactiva para demostrar que a aplicación da tecnoloxía á contorna da aula tradicional pode aumentar a interactividade e a participación do alumnado. Gil Docampo e Rego Sanmartín, do grupo USCAN3D da USC, farán o sábado unha nova presentación da D3Mobile Metrology World League ante directores de centros escolares de toda Europa, reunidos neste segundo evento para compartir coñecemento e consellos entre eles e discutir os enfoques escolares que permitan fomentar o interese dos estudantes polas carreiras científicas. Os docentes participantes tamén poderán experimentar unha das probas incluídas no campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil nun workshop que se desenvolverá a mañá do domingo 8 de novembro. O campionato D3MOBILE, que dirixe o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Ortiz, foi unha do dez iniciativas financiadas por fondos públicos convidadas por Scientix para este evento. A presenza por vez primeira do proxecto D3Mobile nestes eventos promovidos por Scientix, é unha proba máis de que este campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil está a abrirse camiño no panorama internacional deste tipo de certames científicos. Cómpre subliñar asemade que esta iniciativa do grupo USCAN3D da USC contou desde os seus inicios cun amplo apoio institucional, tanto público como privado, nacional e internacional. Respecto dos apoios cos que conta D3Mobile Metrology World League, destaca o respaldo recibido nas tres edicións xa celebradas pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), a entidade pública máxima responsable da difusión científica en España; o Centro Español de Metrología (CEM), Instituto Xeográfico Nacional (IGN), Fundación Vodafone España, Universia, do Banco de Santander, Fundación Barrié, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, empresas como a multinacional española BQ, así como diversas asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos, que apoian o proxecto.

The contents of this page were updated on 11.05.2015.