Unha tese defendida na USC sobre spin-off, premiada pola Cátedra de Emprendedores da Universidade de Salamanca como a mellor de España
A tese de María Jesús Rodríguez Gulías, na que analizaba a influencia da orixe universitaria como determinante do resultado empresarial das spin-offs españolas, foi recoñecida co premio Cátedra de Emprendedores da Universidade de Salamanca (CEUSAL) á mellor tese de doutoramento de España sobre emprendemento e creación de empresas. O galardón entregouse este venres na Universidade de Salamanca.
Os resultados da investigación de Rodríguez Gulías, baixo a dirección da profesora Sara Fernández e do profesor David Rodeiro do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da USC, recomendabann apoiar a creación e desenvolvemento das spin-off universitarias xa que “ contribúen ao desenvolvemento económico e social da súa contorna mediante a creación de riqueza e de emprego e dinamizando a innovación”. Segundo este traballo de investigación, estas fórmulas empresariais atopan maiores dificultades que outras empresas para sobrevivir.
Ademais, a autora concluía no desenvolvemento deste traballo de doutoramento que a orixe universitaria dunha compañía, en xeral, non exerce un efecto rotundo sobre a súa supervivencia. Precisa a investigadora que o carácter de spin-off universitaria ten un “efecto positivo sobre o crecemento empresarial, tanto en termos de vendas netas como de emprego, así como sobre a actividade de innovación aproximada mediante as patentes”.
Dado que os determinantes do resultado empresarial non sempre coinciden ao comparar spin-offs e empresas non xurdidas da investigación académica, María Jesús Rodríguez recomenda a definición de políticas e actuacións deseñadas especificamente para as spin-off universitarias. Neste senso, en base á observación das variables que resultan significativas para o conxunto das spin-off universitarias, “suscítanse unha serie de medidas desexables” e que Rodríguez Gulías concreta na posta a disposición de espazos de incubación en condicións vantaxosas ou no fomento da incorporación de xestores profesionais a estas compañías, entre outros.
Co título ‘El origen universitario como determinante del resultado empresarial de las spin-offs españolas: análisis de su supervivencia, crecimiento e innovación’, a tese obtivo a comezos de 2014 a máxima cualificación, sobresaliente cum laude, outorgada por un tribunal que presidiu Arturo Rodríguez Castellanos (Universidade do País Vasco) e que integraban Alfonso Rodríguez Sandiás (USC), Loreto Fernández (USC), Nuria Begoña Calvo Babío (Universidade da Coruña) e Alberto Vaquero García (Universidade de Vigo).