Skip to main content

O grupo escandinavo Atomic presenta este sábado na Casa do Saber o álbum ‘Lucidity’ no marco do XXV Festival de Jazz de Lugo

Integrantes do grupo escandinavo de jazz Atomic
Integrantes do grupo escandinavo de jazz Atomic
O concerto, cuxas entradas xa están a venda, comezará ás 19.30 horas

O grupo escandinavo Atomic, un quinteto musical formado por Fredik Ljunkvist, saxo, tenor e clarinete; Magnus Broo, trompeta; Havard Wiik, piano; Igebrigt Haker Flaten, contrabaixo, e o batería Hans Hulboekmo, presentará este sábado na Casa do Saber de Lugo o seu último traballo, ‘ Lucidity’, no que esta formación segue a amosar a forza que de sempre a caracterizou.

O concerto de Atomic comezará ás 19.30 horas e as entradas xa están á venda no punto de información que a organización do XXV Festival da Jazz de Lugo ten instalado na Praza Maior, aínda que, de non estar esgotadas, tamén se poderán mercar na taquilla instalada para a ocasión na Casa do Saber. Atomic, un grupo integrado por músicos suecos e de Noruega nado no ano 2000, chega a Lugo logo de facelo xa noutras vilas e cidades españolas. Unha das súas últimas visitas a España foi hai dous anos ao Auditorio Nacional coincidindo con Día Internacional do Jazz. Esta formación escandinava, que cada vez conta con máis seguidores en España, conforma unha reunión de formas e xéneros nos que cada membro do grupo deixa a súa pegada. Daquela, cómpre dicir que Atomic concibe o jazz como un crisol en permanente evolución, onde conflúen diversos estilos e rexistros. A sección rítmica da brillo constante á música con diferentes perspectivas e unha ampla gama de matices e os ventos apóianse e refórzanse en ímpeto dando paso a enérxicas improvisacións.

The contents of this page were updated on 11.13.2015.