Skip to main content

Un concurso de ‘GeoCaching’ cita na EPS máis de 50 estudantes de ESO e Bacharelato procedentes de Lugo, A Coruña e Ourense

Cartaz do concurso
Cartaz do concurso
O coordinador do programa A Ponte no campus de Lugo recibirá os participantes este mércores, ás 10.00 horas, no salón de actos da EPS

O concurso de G eoCaching organizado pola Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC e dirixido a estudantes preuniversitarios, citará este mércores no centro universitario lugués máis de medio centenar de estudantes de cuarto curso de ESO e de Bacharelato procedentes de sete centros educativos de Galicia: IES de Ortigueira, IES Carlos Casares,de Viana do Bolo, IES Ánxel Fole de Lugo, IES Río Miño de Rábade, IES Enrique Muruais de A Pontenova, IES A Pinguela de Monforte de Lemos e Centro Educativo Galén de Lugo.

O coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC no campus de Lugo, o profesor da USC Francisco Javier López González, recibirá os participantes inscritos neste certame ás 10.00 horas, no salón de actos da EPS, o mesmo escenario no que, de seguido, o director da EPS, Tomás Cuesta, e o coordinador do título de grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía, Jaime Rodríguez, farán unha presentación desta titulación universitaria, tanto do seu programa de estudos como dos itinerarios e competencias laborais para as que capacita, ao alumnado preuniversitario.

Unha sesión informativa sobre aspectos e recursos básicos para o manexo do XPS, a cargo da profesora María Iniesto, e outro relatorio coas instrucións previas para tomar parte no concurso de G eoCaching propiamente dito darán paso ao comezo da competición, que se desenvolverá de 11.30 a 13.30 horas, cando está prevista a celebración do acto de entrega de premios, unha cerimonia que estará presidida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e na que tamén participará un representante do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía.

Concurso O primeiro concurso de G eoCaching organizado na EPS desenvolverase na contorna do campus universitario de Lugo, onde as persoas participantes, distribuídas en equipos de catro ou cinco estudantes do mesmo centro acompañados dun alumno do título de grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía na EPS, deberán superar as probas indicadas pola organización. O concurso podería entenderse como un G eoCaching múltiple, ao tratarse dunha variación do orixinal, na que os participantes se dirixen co seu XPS do móbil ou cun navegador que lles facilitará a EPS a partir dunhas coordenadas iniciais, á procura do primeiro tesouro, para logo atopar ata 4 geoaches diferentes ocultos en distintas localizacións. Nesta procura, os participantes deberán dar resposta a diversas preguntas relacionadas coa Xeomática para acceder ás coordenadas das seguintes posicións. Unha vez rematadas as probas programadas ao abeiro desta iniciativa, os integrantes do equipo gañador recibirán como agasallo cadanseu dron con cámara, ademais dun diploma para o centro. O segundo premio contempla gafas 3d móbil para cada participante e diploma acreditativo para o centro educativo. Ademais do alumnado inscrito para tomar parte no concurso de GeoCaching organizado pola EPS, outros 40 estudantes do IES de Ortigueira aproveitarán a celebración desta actividade para pasar unha xornada no campus de Lugo, onde, ademais de asistir ás distintas sesións informativas, tamén poderán coñecer algúns dos centros e servizos universitarios existentes no campus. Xa en quenda de tarde e logo de xantar nun dos comedores universitarios, a delegación estudantil de Ortigueira tamén aproveitará a súa estadía en Lugo para visitar algúns museos da cidade, tales como o Centro de Interpretación da Muralla ou a Domus do Mitreo.

The contents of this page were updated on 11.17.2015.