A representación cultural dos novos modelos de migración, a debate en Santiago
A mobilidade e os movementos migratorios, con especial énfase nos novos modelos de (e/in)migración e a súa representación na literatura, os medios de comunicación e as artes visuais, é o eixo do congreso que esta mañá se inaugurou Hotel Eurostars Araguaney de Santiago organizado polas tres universidades galegas en colaboración co Instituto Universitario Amergin (UDC), o Instituto Franklin (UAH), a Iberian Association for Cultural Studies (IBACS) e a Fundación Araguaney Puente de Culturas.
Especialistas dos cinco continentes debaterán durante tres días no congreso “Novas tipoloxías de (e/in)migración: mobilidade e espazos transculturais. XX Congreso Internacional Cultura e Poder’ sobre aspectos como política e mobilidade; internacionalismo, transnacionalismo e transculturalismo; (E/In)migrantes, exiliados, expatriados, refuxiados e solicitantes de asilo; Migración, identidade, cidadanía e pertenencia; Subversión de fronteiras espaciais e corporais; (E/In)migración nun contexto anterior e posterior á crise; Asia e África na literatura das migracións ou movementos anglo-indios, entre outros moitos temas.
O encontro é parte do proxecto de investigación ‘Novas Tipoloxías de (E/In)Migración Europea’ que dirixe o profesor da UDC José Manuel Estévez-Saá e conta co apoio, entre outros, do proxecto ‘ Ex-sistere: a mobilidade das mulleres nas literaturas galega e irlandesa contemporáneas’, tamén do Ministerio de Economía e Competitividade, que dirixe a profesora da USC Manuela Palacios González.