O grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos patenta un novo proceso para a recuperación de fosfatos de augas residuais

O grupo de investigación en Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos achega novas propostas no aproveitamento da augas residuais, desta volta a través da recuperación dun recurso non renovable -os fosfatos de augas residuais- en forma de estruvita ou fosfato de amonio e magnesio con aplicacións como fertilizante. Esta liña de traballo do grupo xa deu lugar a unha patente española empregada na escala industrial na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei (Pontevedra) e é o argumento da tese de Dafne Crutchik Pedemonte, titulada ‘Estratexias para a recuperación de fósforo en augas residuais mediante a formación de estruvita’, cualificada como sobresaliente cum laude.
A estruvita é un composto cristalino, lixeiramente soluble, que baixo certas condicións ambientais pode precipitar nas augas residuais e ser recuperado para a súa utilización como fertilizante agrícola, libre de contaminantes. Dafne Crutchik explica que a recuperación de estruvita é un dos múltiples exemplos de tecnoloxías que están sendo desenvolvidas para a recuperación de recursos de augas residuais, “evitando tanto a perda como a dispersión incontrolada de fosfatos no ambiente”. A investigadora apunta que “a súa recuperación permitiría reducir a dependencia que na actualidade ten a Unión Europea das importacións de minerais de fósforo que se empregan especialmente para a produción de fertilizantes ou deterxentes”.
Os resultados obtidos na investigación de Crutchik Pedemonte foron publicados en diversas revistas científicas ademais de que deron lugar a unha patente empregada nunha estación depuradora de augas. Concretamente, a construción e operación da planta de recuperación de estruvita foi froito dunha colaboración entre as empresas FCC Aqualia, Trainasa e a USC no que tamén colaborou a empresa Magnesitas de Rubián. O proceso patentado permite recuperar estruvita como reactivos óxidos de magnesio de baixo custe, facendo viable económica e ambientalmente o proceso de precipitación.
A tese foi dirixida polo profesor Juan Manuel Garrido Fernández, do Departamento de Enxeñería Química e o tribunal avaliador composto polo profesor da USC Juan Manuel Lema Rodicio; Francesco Fatone, da Università degli studi di Verona de Italia; Lorna Guerrero Saldes, da Universidad Técnica Federico Santa María de Chile; Jesús Colprim Galcerán da Universitat de Girona e o doutor José Ramón Vázquez Padín, responsable do departamento de Innovación e Tecnoloxía da empresa FCC Aqualia.