Skip to main content

A Fundación USC Deportiva convoca unha nova marcha fotográfica

Cartal da actividade
Cartal da actividade
É unha iniciativa que mestura sendeirismo e fotografía que se desenvolverá o 15 de novembro

Coa intención de mesturar sendeirismo e fotografía, a próxima marcha fotográfica organizada pola Fundación USC Deportiva desenvolverase o 15 de novembro na ruta dos Tres Ríos no concello de Touro, nunha zona que mestura paisaxes de río e bosque. A actividade está dirixida polo fotógrafo e profesor de Fotografía Contemporánea da Facultade de Xornalismo Andrés Fraga, cunha experiencia profesional de máis de 10 anos nos que traballou para El Pais así como para varias publicacións estranxeiras.

Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade deberán formalizar a súa inscrición a través da web da Fundación USC Deportiva. O custe é de 42 euros e as prazas limitadas a 25 participantes, que se cubrirán respectando rigorosamente a orde de inscrición.

Aínda que non se trata especificamente dun curso de fotografía, a presenza dun fotógrafo profesional na ruta permitirá aos participantes expor as dúbidas sobre cuestións concretas e intercambiar experiencias e coñecementos entre os restantes asistentes. A actividade conta cunha segunda sesións o día 20 de novembro onde se realizará unha visualización das fotografías realizadas para unha posta en común na que se valorarán as distintas instantáneas e se farán suxestións para melloralas.

A marcha está aberta a calquera persoa independentemente do seu nivel fotográfico e do equipo fotográfico que se vai utilizar. O obxectivo é que os participantes aprendan a sacarlle o máximo partido ás cámaras e que se adquiran máis coñecementos sobre a fotografía de natureza. As persoas interesadas poden ampliar información na web da Fundación USC Deportiva.

The contents of this page were updated on 10.09.2015.