Comeza nos campus de Santiago e Lugo un programa de formación para a empregabilidade
O programa de Formación para a Empregabilidade desenvolverase ao longo do primeiro trimestres deste curso coa misión de dotar ao alumnado e titulados recentes de instrumentos que lles faciliten a busca de emprego e a incorporación ao mercado laboral. Está estruturado en dous módulos, un dedicado ás ferramentas e recursos para a busca de emprego e o segundo orientaod ás competencias e habilidades profesionais dos/as candidatos/as. Esta é unha iniciativa das áreas de Orientación Laboral dos campus de Santiago e Lugo da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.
Dentro do primeiro módulo e sempre con carácter gratuíto, no Campus de Santiago vanse desenvolver xornadas e obradoiros prácticos sobre emprego 2.0, marca persoal, elaboración dun currículo eficaz, programas de prácticas, mobilidade laboral en Europa e recursos en liña e offline para a busca de emprego. No campus lugués levaranse a cabo os Mércores de Emprego en Lugo (MEL), con xornadas dedicadas á orientación laboral e busca de emprego e aos procesos de seleccións de persoal.
No apartado de competencias e habilidades profesionais, no Campus compostelán están programados un obradoiro práctico de técnicas de selección de persoal e un curso de competencias e habilidades profesionais para universitarios. En Lugo desenvolverase o curso sobre habilidades sociais para o emprego.
Calendario
A primeira das actividades será este mércores 14 co desenvolvemento dunha xornada MEL sobre orientación laboral e busca de emprego, ao que lle seguirá o día 20 outra en Compostela sobre programas de prácticas para a iniciación profesional.