Skip to main content

Aberta a inscrición nunha xornada gratuíta de iniciación a micoloxía na Estación Científica do Courel

A USC organiza o sábado 17 de outubro unha xornada gratuíta de iniciación á micoloxía na Estación Científica do Courel, onde distintos relatores abordarán cuestións ligadas á morfoloxía e á ecoloxía dos cogomelos, ademais de informar sobre as principais especies comestibles e velenosas.

O profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián abrirá a quenda de relatorios ás 10.00 horas cunha intervención na que achegará ao público asistente ao mundo da micoloxía. De seguido, o tamén profesor da USC Juan Luis Fernández Lorenzo falará sobre morfoloxía e ecoloxía dos cogomelos. A identificación das principais especies comestibles e velenosas centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro. Xa en quenda de tarde, as persoas inscritas nestas xornadas poderán participar, a partir das 16.00 horas, nunha saída ao monte guiada polo profesor da USC e presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso.

As persoas interesadas en participar neste programa formativo e de divulgación centrado na distinción entre cogomelos comestibles e velenosos poden formalizar a súa inscrición de balde nas instalacións da propia Estación Científica do Courel, a través dos números de teléfono 648 051 928 ou 600 942 418, ou nos enderezos de correo electrónico ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com) e antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 10.13.2015.