Skip to main content

A banalización e a falta de especialistas restan peso á información das universidades nos medios de comunicación

A banalización e a falta de especialistas restan peso á información das universidades nos medios de comunicación
A banalización e a falta de especialistas restan peso á información das universidades nos medios de comunicación
Profesionais de gabinetes de comunicación universitaria reunidos en Santiago defenden unha maior atención informativa para temas de investigación e innovación

Os xornalistas de gabinetes de comunicación universitaria e centros de investigación de España apuntaron a inestabilidade laboral e a excesiva rotación e cambios de profesionais nos medios de comunicación, o que deriva nunha falta de especialización, como obstáculos que debe sortear a información de carácter universitario para acadar máis atención por parte dos medios de comunicación, nos que nos últimos anos e, quizás por mor da crise económica, tamén foron desaparecendo os espazos dedicados a educación e ciencia.

A este feito súmase a realidade de que os contidos informativos de carácter académico e científico non acostuman a ter a mesma dose de espectacularidade nin o grao de morbo que outras áreas temáticas que si resultan máis demandadas por parte das persoas/usuarios dos medios de comunicación, segundo indicaron os xornalistas Javier Martínez, Carlos Miráz e Isaac García del Río nunha mesa de debate sobre comunicación universitaria moderada por Ciprián Rivas, da Universidade de Vigo. A vixésimo sexta edición das xornadas formativas da Asociación de Profesionais dos Gabinetes de Comunicación Universitaria e Centros de Investigación de España (Augac), un foro, coordinado polo xefe do Gabinete de Comunicación da USC, Luís Celeiro, e organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, que contou coa colaboración de AUGAC e das Universidades da Coruña e Vigo, e no marco do que máis de 60 profesionais da comunicación analizaron a comunicación universitaria na globalización do coñecemento, serviu para demandar un maior peso da I+D+i na esfera informativa. A investigación e a innovación son os piares nos que se debe apoiar o desenvolvemento de calquera economía, salientaron os participantes neste foro, que, logo de lembrar que as universidades son os organismos que lideran a investigación en España, demandaron unha maior sensibilidade cara estes asuntos informativos. A divulgación da actividade universitaria, así como da produción científica e, en xeral, do coñecemento, a través das televisións rexionais foi outra das cuestións tratadas na sesión de clausura deste encontro de traballo da Augac. O coordinador de comunicación da Asociación de Televisións Rexionais Europeas (Circom), Fernando R. Ojea, apuntou neste senso que o feito de que moitas das televisións rexionais son entes públicos acentúa a súa sensibilidade cara a emisión deste tipo de contidos. A elaboración de producións audiovisuais propias por parte das universidades españolas para a súa posterior difusión a través das canles televisivas foi outro dos asuntos tratados neste foro, no que Ana Hernández, da Universidade de Salamanca, lembrou a existencia dun proxecto de elaboración de contidos audiovisuais para a súa posterior difusión televisión.

The contents of this page were updated on 10.16.2015.