Skip to main content

A USC estuda cómo implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas

No Monte da Condesa emprázase o edificio piloto do proxecto
No Monte da Condesa emprázase o edificio piloto do proxecto
O proxecto Life+Opere que lidera a Universidade de Santiago celebra unha xuntanza este mércores

O Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC lidera o proxecto Life+OPERE (Operación Eficiente de Redes Enerxéticas), que xurde coa intención de implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos con grandes consumos para diminuír o impacto medioambiental deste tipo de edificios.

O grupo de investigación, en colaboración con EnergyLab e co horizonte de decembro de 2016, pretende demostrar a viabilidade do que propón mediante a implantación dun proxecto de xestión enerxética nalgunhas das grandes instalacións que a Universidade de Santiago de Compostela posúe no Campus Vida. En concreto, buscan reducir o consumo de enerxía térmica nun 30% e de emisións contaminantes nun 35% aproximadamente.

Este mércores 21 terá lugar en Santiago o segundo panel networking de OPERE coa finalidade de dar cumprimento a algún dos obxectivos marcados: por unha banda, captar o impacto causado polas actividades derivadas da realización do proxecto na súa contorna e, por outra, coñecer experiencias similares e intercambiar información.

A reunión de expertos comezará ás 9.30 horas no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC coa presentación dos distintos proxectos europeos participantes seguido dunha mesa redonda e dunha visita ás novas instalacións do edificio piloto no complexo de edificios do Monte da Condesa.

The contents of this page were updated on 10.20.2015.