Skip to main content

A USC amplía ata mediados de outubro o prazo de matrícula en estudos e IV Ciclo Universitario no campus de Lugo

A USC acordou prolongar o prazo de matrícula para cursar estudos do programa de IV Ciclo Universitario no campus de Lugo ata mediados do mes de outubro, a fin de favorecer a incorporación de máis persoas a este programa de formación de maiores de 50 anos.

A data fixada como límite para formalizar a inscrición en estudos de IV Ciclo Universitario da USC para o curso 2015-2016 era o 30 de setembro, pero a coincidencia do comezo das clases coa celebración das festas de San Froilán, unido ao crecente interese que de sempre esperta esta oferta formativa entre a poboación sénior de Lugo fixo que a USC ampliara dúas semanas o prazo de matrícula no campus de Lugo. Daquela, as persoas interesadas en matricularse en estudos do IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo poden acudir ás dependencias da Unidade de Xestión Académica situadas no edificio administrativo no que se empraza a Biblioteca Intercentros. Os interesados deben cumprimentar o formulario de matrícula e teñen que aportar unha fotografía tamaño carné e a fotocopia do seu D.N.I. Unha vez rematado o prazo de ampliación de matrícula, as persoas interesadas en recibir formación universitaria ao abeiro deste programa orientado a maiores de 50 anos terán unha nova oportunidade para inscribirse a comezos de 2016, cando se abrirá un novo prazo de matrícula nas distintas materias ofertadas ao longo do segundo semestre do curso actual.

The contents of this page were updated on 10.02.2015.