Skip to main content

A USC recibe os embaixadores de once países da Liga Árabe

Son preto dun cento os estudantes árabes que este curso están na USC (Foto: SERVIMAV-USC)
Son preto dun cento os estudantes árabes que este curso están na USC (Foto: SERVIMAV-USC)
Na institución compostelá estuda preto dun cento de alumnos e alumnas árabes

Na Universidade de Santiago cursan na actualidade estudos de grao e posgrao preto dun cento de alumnos e alumnas árabes, a maioría procedentes de Xordania, seguidos moi cerca por Siria, Palestina, Alxeria, Marrocos, Líbano e Túnez, pero tamén de Irak, Exipto e Libia. Parte destes estudantes tivo a oportunidade este xoves en san Xerome de reunirse cos embaixadores de once países da Liga Árabe que estes días están en Galicia nunha visita oficial organizada pola Xunta de Galicia. O grupo está formado polos embaixadores de Arxelia, Arabia Saudí, Xordania, Palestina, Kuwait, Irak, Sudán, Qatar e Libia, o ministro plenipotenciario de Marrocos e o encargado de negocios de Yemen. Nese encontro, estudantes de máster, doutoramento e traballadores da Oficina de Relacións Exteriores da USC así como as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación da USC foron quen de relatar ao corpo diplomático árabe cómo transcorre a vida académica na institución compostelá á vez que lles formularon os seus retos máis inmediatos.

A xuntanza estivo precedida por unha recepción do reitor Juan Viaño e parte do equipo reitoral para tratar asuntos referidos ás relacións académicas e de investigación entre universidades e as posibilidades de ampliar ese marco de colaboración. Na actualidade a USC coordina seis proxectos de cooperación Erasmus Mundus –e participa ademais en sete deles– e cinco Tempus –con participación noutros sete–.

A recepción aos embaixadores tivo lugar no Salón Reitoral de San Xerome (Foto: SERVIMAV-USC)

The contents of this page were updated on 10.01.2015.