Skip to main content

Homenaxean cun volume a David Mackenzie por "contribuír a abrir tanto Galicia ao mundo coma o mundo a Galicia”

O profesor Mackenzie, segundo pola esquerda, asistiu á homenaxe (Foto: SERVIMAV-USC)
O profesor Mackenzie, segundo pola esquerda, asistiu á homenaxe (Foto: SERVIMAV-USC)

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) rendeulle este martes unha homenaxe ao profesor David Mackenzie (Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, 1943) como recoñecemento a quen “sen dúbida contribuíu a abrir tanto Galicia ao mundo coma o mundo a Galicia”, segundo reza o prólogo do volume En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie presentado este martes . Editado polo Servizo de Publicacións da USC, o libro recolle dezaoito achegas realizadas desde diferentes lugares do mundo e relevantes no ámbito da lingüística iberorrománica e para a lingüística e literatura galegas, todas elas liñas temáticas que constitúen áreas de traballo centrais no historial dun investigador decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Como sinalaron no acto, o profesor Mackenzie non foi só “un dos principais responsables de abrir as portas do mundo anglófono á nosa lingua, literatura e cultura”, senón tamén un dos iniciadores dos estudos galegos no estranxeiro. A el se lle debe que a Modern Humanities Research Association incluíse unha sección dedicada á lingua e literatura galegas no seu The Year’s Work in Modern Language Studies, un repertorio crítico-bibliográfico que presenta a produción científica de máis calidade sobre as linguas e literaturas do mundo. Na presentación do volume que tivo lugar no ILG participou o propio homenaxeado –que reside dende hai anos en Santiago de Compostela–acompañado dos editores da publicación, Francisco Dubert, Gabriel Rei-Doval e Xulio Sousa, e do director do ILG, Ernesto González Seoane. Mackenzie David Mackenzie estudou en Oxford e en Nottingham, onde se doutorou coa tese A critical edition with linguistic and historical introduction of the «Corónica de Santa Maria de Iria». Tralo seu paso pola British Library, foi profesor nas Universidades do Ulster, Birmingham e Cork. Fundador dos centros de estudos galegos nestas dúas últimas, foi asemade colaborador habitual do Hispanic Seminary of Medieval Studies na Universidade de Wisconsin-Madison. Director tamén de diversas teses de mestrado e doutoramento de temática galega, o seu labor de investigación desenvolveuse entre os estudos ibéricos medievais, a lingüística e literatura galegas e a literatura española. O seu mestrado esténdese principalmente entre Europa e Norteamérica, onde desenvolveu o seu labor docente. Como froito do seu compromiso coa lingua galega, en 1994 foille concedido o Pedrón de Honra, premio que se lle outorga a persoas que residen fóra de Galicia e destacan por engrandecer a cultura galega. No mesmo ano recibiu tamén o Hispanic Achivement Award at the London Hispanic Festival. En 2001 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega e recentemente, en 2014, a Xunta de Galicia outorgoulle o Premio da Cultura Galega 2014 na modalidade Lingua polo seu traballo de difusión internacional da lingua e a literatura galegas.

The contents of this page were updated on 07.21.2015.