O Trío Caronium interpreta este venres no Paraninfo obras de Eduardo Rodríguez-Losada

O Trío Caronium formado polo violinista David Veiga Martínez, o violoncellista Isabel Font Belmonte e o pianista Javier Ares Espiño ofrecerá este venres 2 un concerto ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade. No recital, de entrada libre, interpretaranse obras do compositor Eduardo Rodríguez-Losada (A Coruña, 1886 – A Coruña, 1973). O coruñés David Veiga Martínez obtivo o título superior de violín e música de cámara no Conservatorio Superior da cidade herculina. Alumno de Pucho Portela, Celso Béjar e Rogelio Groba, continuou en Madrid cos mestres Ara Malikian, Eusebio Ibarra e Manuel Guillén. Veiga desenvolve unha labor concertística continua a través de diferentes agrupacións como o Trío Antares, o Cuarteto Gallaecia Antiqva, o Dúo Veiga-Candisano, Tangata e o Trío Caronium. Actualmente é profesor no Conservatorio Profesional de A Coruña. Isabel Font Belmonte, natural de Palencia, realiza os seus estudos profesionais de Violoncello no Conservatorio desa cidade. Estuda con Lidia Llordén Velasco, Nuria Rosa Muntañola, María de Macedo, Iagoba Fanlo, Aldo Mata, Alain Meunier, Damián Martínez, Asier Polo e Charles Tunnell. Premiada nos concursos ‘Vila de Salou’ e ‘Vila de Ponts’, a súa actividade camerística é moi prolífera, formando parte de numerosos grupos de cámara. Na actualidade é profesora de violoncello no Conservatorio Profesional de Música Cristóbal Halffter de Ponferrada. Javier Ares Espiño (Ourense, 1979) comeza os seus estudos de piano no Conservatorio de Betanzos, que continúa na Coruña baixo a dirección de Natalia Lamas e posteriormente en Madrid con Alexander Kandelaki e Nino Kereselidze. Dende 2001 traballou no Conservatorio Superior de Música de Vigo e actualmente é profesor de piano e pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de A Coruña. A través do programa de doutoramento ‘Música na España Contemporánea’ (UGR, UB, UNIOVI e USC) inicia a súa labor como investigador, que culmina coa publicación en 2011 do Catálogo de Carlos López García-Picos e coa obtención en 2014 do título de doutor pola Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección de Carlos Villanueva.