Skip to main content

A profesora Carmen Álvarez ingresa na Academia de Farmacia de Galicia

Carmen Álvarez
Carmen Álvarez

A profesora do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC Carmen Álvarez Lorenzo ingresará este mércores 30 como Académica de Número na Academia de Farmacia de Galicia. A cerimonia protocolaria dará comezo ás 19.00 horas na sede da Academia (antigo Hospital de San Roque, r/ San Roque, 2) e nela pronunciará o discurso ‘Medicamentos e produtos sanitarios integrados nun só sistema. Oportunidades e retos’. Premio extraordinario de Licenciatura e Doutoramento, Carmen Álvarez realizou unha estadía entre 1998 e 2001 no Departamento de Física e Centro para Ciencia e Enxeñaría de Materiais no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). De volta en España, incorporouse como investigadora do Programa Ramón y Cajal ao Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, no que é profesora titular dende 2007. No ano 2011 a profesora Álvarez Lorenzo obtivo a acreditación para acceder ao corpo de catedráticos de universidade. Dentro do grupo de investigación I+D Farma as súas liñas de traballo céntranse no deseño de novos sistemas poliméricos para aplicacións biomédicas e farmacéuticas. Os seus traballos abordan os sistemas nanométricos e nanoestruturados para solubilización, estabilización e vectorización de fármacos e material xenético, os entramados sensibles a estímulos e capaces de recoñecer moléculas selectivamente, os sistemas biomiméticos, os implantes inxectables para medicina rexenerativa e as lentes de contacto e outros produtos sanitarios funcionalizados para carga e cesión de fármacos ou para previr a formación de biofilm microbiano. En conxunto, trátase dunha actividade investigadora desenvolvida dun xeito pluridisciplinar en colaboración con grupos europeos, americanos e xaponeses. No eido da produción científica, Carmen Álvarez é autora de mais de 200 artigos en revistas internacionais, 30 capítulos de libro e máis de 200 comunicacións a congresos, o que se reflicte nun índice h de 37 (Web of Science). Ten coeditado os libros Handbook of Molecularly Imprinted Polymers de Smithers Rapra Publisher UK (2013) e Smart Materials for Drug Delivery da Royal Society of Chemistry UK (2013). Investigadora en 15 proxectos financiados por axencias nacionais, fundacións e empresas, é ademais autora de 13 patentes. Revisora de artigos en medio centenar de revistas de alto índice de impacto, avaliadora de proxectos da ANEP e de diversas axencias autonómicas e de países europeos e americanos, a profesora da USC forma parte do comité editorial de revistas internacionais, entre elas o Journal of Pharmaceutical Sciences (USA), e é editora asociada de Recent Patents on Nanomedicine.

Ata o momento dirixiu trece teses de doutoramento e supervisa outras sete. Igualmente titoriza estudantes de grao, doutoramento e a investigadores posdoutorais procedentes de universidades como Calabria, Gante, Coimbra, Minho, Islandia, UNAM, Bos Aires, Mar da Prata ou Veer Narmad South Gujarat.

The contents of this page were updated on 09.29.2015.