Skip to main content

Os cursos de lingua e cultura españolas reunirán estudantes e docentes de preto de vinte países de todo o mundo

Os cursos de Lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de Formación de profesores de español como lingua estranxeira inician a súa programación o luns 6 logo de acto de inauguración que presidirá o reitor Juan Viaño ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Organizados pola oficina de Cursos Internacionais da USC, nesta sesión inaugural intervirán tamén o presidente da Real Academia Española, o catedrático da USC Darío Villanueva; a xerenta de Cursos Internacionais, Montserrat Rodríguez Conesa; e o director de Estudos Hispánicos de Bélxica, Jacques de Bruyne, quen impartirá a conferencia ‘Cervantes, home de armas e letras’. Neste cursos participa alumnado procedentes de universidades de Corea do Sur, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Bangladesh, China, Tailandia, Xapón, Alemaña e Reino Unido, ademais de estudantes que a título individual acoden dende Arabia Saudí, Alxeria, Italia, Polonia, Francia, Suecia e Holanda. Cursos Internacionais organiza a través destas dúas accións formativas programas que comprenden clases de lingua para os estudantes e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para o profesorado. Os programas inclúen seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes diferentes aspectos da realidade de España e, particularmente, de Galicia. Partindo da consideración de que a experiencia cultural é unha parte fundamental da aprendizaxe lingüística, as sesións teóricas e de aula compleméntanse cun abano de actividades culturas como visitas guiadas á cidade e ao patrimonio histórico da USC, visionados de cine, conferencias, visitas a museos, aulas itinerantes e excursións. Así, ao longo de xullo desprazaranse ata a ría de Arousa, A Coruña ou Lugo e percorrerán un treito do Camiño de Santiago.

The contents of this page were updated on 07.03.2015.