Skip to main content

As intervencións asistidas con animais centran a temática dun curso de verán da USC en Mondoñedo

O programa formativa desenvolverase este venres e sábado, a partir das 9.30 horas, no centro comarcal da Mariña Central en Mondoñedo

Dar a coñecer o que son as intervencións asistidas con animais e os beneficios que reportan tanto no ámbito terapéutico como educativo son dous dos obxectivos que pretende o curso de verán da USC ‘ Intervencións asistidas con animais, aplicacións educativas e terapéuticas’, un programa dirixido pola profesora Lina Iglesias e que se desenvolverá os días 4 e 5 de setembro no centro comarcal da Mariña Central en Mondoñedo.

Os promotores deste programa da Universidade de Verán 2015 da USC, unha actividade na que xa formalizaron a súa inscrición un total de 36 persoas, buscan ademais ofrecer aos participantes, a través das distintas sesións organizadas, a información necesaria para poñer en marcha un programa de intervención asistida por animais, tanto a nivel terapéutico coma educacional. Ampliar os coñecementos dos distintos profesionais da saúde e da educación no campo das intervencións non farmacolóxicas e as intervencións en educación, concretamente nas que interveñen animais é outra das premisas coas que nace esta actividade formativa, dirixida a estudantes universitarios e profesionais, así como a todas aquelas persoas que sintan especial afinidade cos animais. O acto inaugural deste curso estival da USC desenvolverase este venres, 4 de setembro, ás 9.30 horas. Ao seu remate, membros da asociación berciana Rebican Rastreando ilusións guiarán distintos relatorios e sesións prácticas.

The contents of this page were updated on 09.03.2015.