Skip to main content

O catedrático da USC Santiago Pereira presenta en Portugal un programa para impulsar a I+D+i da castaña en Europa

Santiago Pereira Lorenzo
Santiago Pereira Lorenzo
O coordinador da proposta europea de aproveitamento dos recursos xenéticos da castaña para a cadea alimentaria participa como relator no VI Econtro Europeo da Castaña

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Santiago Pereira Lorenzo participará como relator no VI Encontro Europeo da Castaña, un foro internacional que se desenvolverá do 9 ao 12 de setembro na localidade portuguesa de Vila Pouca de Aguiar, onde se darán cita boa parte das asociacións europeas de produtores de castaña , así como preto de 20 investigadores de máis dunha ducia de países.

A intervención de Pereira Lorenzo neste foro europeo sobre a castaña responde á súa condición de promotor e coordinador da proposta europea sobre o aproveitamento dos recursos xenéticos da castaña en Europa para a cadea alimentaria (Grchestnut), un programa que presentará á comunidade científica participante neste foro nunha sesión na que tamén intervirá Fiorella Villani, investigadora do Instituto de Bioloxía Ambiental e Forestal de Italia. O obxecto da proposta promovida e coordinada por Santiago Pereira para favorecer a valorización e o maior aproveitamento do castiñeiro e da castaña no plano europeo pasa por acadar o maior apoio posible do sector de cara a que tanto a castaña como o castiñeiro teñan un maior peso en futuras convocatorias de reparto de fondos na UE. Pereira Lorenzo recoñece que os problemas de pestes e enfermidades que afectan ao castiñeiro dificultan a transmisión da importancia de continuar e avanzar na investigación sobre esta especie, que, na súa opinión, atópase en situación de desvantaxe á hora de competir por fondos europeos para I+D+i con outras especies de maior relevancia económica, tlaes como o son as árbores frutais ou outras especies hortícolas. O castiñeiro é unha especie complexa, subliña Pereira Lorenzo, que logo de remarcar o valor froiteiro, forestal e paisaxístico deste tipo de árbore, tamén fai especial fincapé na importancia do castiñeiro na cultura tradicional e popular, xa sexa na historia da gastronomía e nos magostos, xa sexa na tradición oral e escrita. Daquela, o coordinador da proposta Grchestnut ve preciso o respaldo do conxunto de Europa á investigación sobre o castiñeiro, a fin de evitar así que desapareza a súa produción e a cultura que xira arredor desta especie.

The contents of this page were updated on 09.08.2015.