Skip to main content

Visita institucional do cónsul de Honduras en Galicia ao campus de Lugo da USC

De esquerda a dereita, Bueno, Criado e Barreiro, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
De esquerda a dereita, Bueno, Criado e Barreiro, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
A sinatura dun convenio entre a Universidade Nacional de Agricultura de Honduras e a USC centrou a reunión de Marcos Criado con Javier Bueno e Andrés Barreiro

O cónsul de Honduras en Galicia, Marcos Criado López, realizou este xoves unha visita ao campus de Lugo, onde mantivo nunha un encontro co vicerreitor de Coordinación da sede universitaria luguesa, Javier Bueno, e co vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro.

A reunión serviu para que o cónsul de Honduras en Galicia trasladara a Bueno e Barreiro as pretensión do Goberno hondureño, a través da súa Embaixada en España, de asinar futuros convenios de colaboración entre o país centroamericano e a USC. De feito, nesta reunión, Marcos Criado, detallou algúns dos proxectos que xa transmitira ao reitor da USC, Juan Viaño, durante o encontro celebrado en Compostela a comezos deste verán. As colaboracións no plano medioambiental capitalizan o interese amosado polo cónsul hondureño, quen aproveitou a súa visita a Lugo para abordar cos vicerreitores dos campus de Lugo as posibilidades de establecer canles ou convenios de colaboración entre a USC e a Universidade Nacional de Agricultura (UNA) de Honduras e mesmo cos ministerios do Goberno hondureño. A investigación, a mobilidade de profesorado e de estudantes, formación de doutores e tamén a promoción en Centroamérica da institución académica compostelá, en particular, e de Galicia, nun contexto máis amplo, son algunhas das liñas nas que poderían traballar conxuntamente a UNA e a USC e que quedarían recollidas no futuro convenio entre ambas institucións. Criado explicou neste senso, que titulacións como Veterinaria, Enxeñaría Agronómica ou Enxeñaría de Montes, que se imparten tanto no campus de Lugo da USC como na Universidade Nacional de Agricultura de Honduras serían as máis acaídas para ter unha maior relevancia neste futuro convenio. Un acordo, a través do que, segundo indicou o cónsul de Honduras en Galicia, sería posible crear grupos de investigación conxuntos entre a UNA e a USC con capacidade para acceder a convocatorias de proxectos de organismos internacionais, tanto en América como en Europa. A formación do profesorado da UNA como doutores en programas de doutoramento da USC e a mobilidade de estudantes desde Honduras a España para cursar formación de posgrao na USC son outras vías de colaboración na que está moi interesada a UNA, subliñou Marcos Criado. O cónsul hondureño tamén deixou aberta a posibilidade de que estudantes da institución académica compostelá poidan participar no futuro en proxectos de cooperación e desenvolvemento en Honduras, ao tempo indicou o compromiso tanto da propia Universidade Nacional de Agricultura de Honduras como do Goberno hondureño para a promoción da USC e o conxunto de Galicia neste país centroamericano.

The contents of this page were updated on 09.10.2015.