Especialistas en atención temperá inciden na necesidade dunha “maior aposta” pola formación para acadar melloras na infancia

É preciso un “maior impulso” para instaurar plans formativos específicos en atención temperá que permitan contar cos profesionais necesarios para intervir na infancia, especialmente a afectada por algún tipo de trastorno no desenvolvemento. Esa foi unha das conclusións do IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar que se pechou o sábado en Santiago e que reuniu máis de 400 investigadores e profesionais neste campo. Organizado pola Unidade de Atención Temperá e o grupo de investigación Esculcada USC, o congreso clausurouno o catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, quen afondou nos trastornos psiquiátricos en idade infantil e xuvenil. Neste sentido, Carracedo incidiu na necesidade de superar os estigmas que hoxe en día se manteñen ante a diagnose de trastornos psiquiátricos e psicolóxicos, polo que instou a unha "maior concienciación social". Tras o acto de clausura realizouse un emotivo acto de entrega de premios da Unidade de Atención Temperá no que a súa directora, a profesora María José Buceta, quixo recoñecer o apoio á entidade levado a cabo nos últimos anos por Juan Casares Long na súa recente etapa como reitor da Universidade. Tamén recibiu un emotivo homenaxe Elisa Tojo, recentemente falecida, e que foi unha nai usuaria da Unidade. Cunha nutrida representación da súa familia, entre a que se atopaba a súa filla Patricia –unha das primeiras usuarias da Unidade- a profesora Buceta quixo recalcar o carácter “ pioneiro e precursor a prol da discapacidade” de Elisa Tojo. O acto de entrega de premios estivo presidido pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, quen quixo tender a man da institución “a todos e cada unha das persoas que así o precisen”para alcanzar “un trato igual para todos”, dixo. Durante tres días, o Congreso Ciatef15 abriu unha vía de debate sobre, entre outros temas, a discapacidade e o entorno familiar ao acoso escolar ou a tecnoloxía e a vida familiar e contou coa presenza de reputados profesionais como Manuel Posada, director do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras, do Instituto Carlos III de Madrid; o presidente da Federación Española de Enfermidades Raras (FEDER), Juan Carrión; o presidente da Federación Estatal de Profesionais de Atención Temperá (GAT), Juan Carlos Belda, o pedagogo e criminólogo Vicente Garrido, ou o catedrático Gonzalo Musitu (U. Sevilla), entre outros. Ciatef15 contou como presidentes do comité organizador cos profesores Miguel A. Santos Rego e María José Buceta e, como coordinadora xeral, a profesora Mar Lorenzo.