Skip to main content

O XXI Maratón Fotográfico do Campus premiará con 750 euros en metálico e trofeos os autores das dúas imaxes galardoadas

Carme Silva e Francisco Balado, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Carme Silva e Francisco Balado, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
A USC pechará o día 25 o prazo de inscrición para participar na nova convocatoria deste certame, que se celebrará o 29 de setembro a partir das 10.00 horas

O XXI Maratón Fotográfico do Campus repartirá 750 euros en metálico e trofeos para os autores das dúas fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar a nova edición deste consolidado certame, organizado pola Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, a Deputación e o Concello de Lugo.

A vixésima primeira edición deste certame fotográfico, aberto á participación de todas as persoas interesadas maiores de idade, pertencentes ou non á comunidade universitaria, terá lugar o vindeiro 29 de setembro, a partir das 10.00 horas, segundo adiantou a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, na presentación do XXI Maratón Fotográfico do campus. Neste acto tamén estivo presente o deputado delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Francisco Balado Teijeiro.

As persoas que desexen participar nesta convocatoria artística arredor da fotografía aberta a fotógrafos e afeccionados maiores de 18 anos, poderán apuntarse ata as 14.00 horas do día 25 de setembro. A inscrición é de balde e pode realizarse nas dependencias da Área de Cultura do campus de Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación, sita na Praciña da Universidade, a través do número de teléfono 982.82.15.13, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). As bases da convocatoria desta edición do Maratón Fotográfico do Campus están accesibles na web www.lugocultural.es, onde tamé é posible formalizar a matrícula. A actividade fotográfica propiamente dita desenvolverase o 29 de setembro. Os participantes coñecerán ás 10.00 horas os dous temas, un libre e outro proposto pola organización, sobre os que deben versar as fotografías presentadas a concurso. Os participantes neste certame deberán entregar aos organizadores o material co que desexen participar antes das 14.00 horas do día seguinte, 30 de setembro. O XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo mantén tamén nesta convocatoria dúas modalidades de participación: fotografía dixital e analóxica. Os participantes, que deben elixir unha modalidade no momento da súa inscrición, teñen que presentar unha fotografía por cada un dos dous temas propostos para o concurso. Premios e diplomas Os organizadores do XX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 750 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 450 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 300 euros, diploma e trofeo. Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XXI Maratón Fotográfico do Campus, unha cita que na convocatoria que nas últimas edicións contou cun promedio de medio centenar de participantes. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso, tanto entre as galardoadas como as non premiadas, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público no marco dunha mostra colectiva, cuxa inauguración coincidirá co acto de entrega dos premios.

The contents of this page were updated on 09.15.2015.