Skip to main content

O alumnado do IV Ciclo da USC participará na oferta educativa do Departamento de Educación do Concello de Santiago

Martiño Noriega e Juan Viaño, tras a sinatura. Foto: Concello de Santiago
Martiño Noriega e Juan Viaño, tras a sinatura. Foto: Concello de Santiago

O reitor Juan Viaño e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, asinaron este luns 21 un convenio de colaboración que facilitará a participación na oferta educativa do Departamento de Educación e Cidadanía municipal ao alumnado do IV Ciclo, programa formativo da USC dirixido a persoas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel previo. A sinatura protocolaria do acordo celebrouse no Concello de Santiago nun acto ao que tamén acudiron o vicerreitor Roberto López López; a directora do IV Ciclo, Esther Olveira; e o concelleiro de Educación, Manuel Dios.

O Concello compostelá porá a disposición do alumnado do IV Ciclo ao longo do presente curso académico todas aquelas iniciativas, programas, recursos e equipamentos municipais que favorezan o desenvolvemento dos obxectivos deste programa universitario para maiores. A proposta incide na aprendizaxe e a interdisciplinariedade no ámbito da educación forman e non formal e trata de favorecer a integración do alumnado en procesos formativos que respondan ás súas necesidades e expectativas. Ademais permitirá vincular e amplificar a oferta de estudos universitarios en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, comprendida como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores.

A colaboración posibilitará que o alumnado do IV Ciclo comparta e desenvolva iniciativas docentes e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar este fin. Concretamente, o convenio contempla a posibilidade de que o alumnado de IV Ciclo da USC se inscriban en distintas actividades impulsadas ou que contan coa colaboración do Concello. Así, poderán participar na programación da Escola Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio, e en iniciativas do departamento de Educación como as xornadas teórico-prácticas sobre o patrimonio funerario de Compostela ou a Memoria Audiovisual da cidade.

Por último, tamén poderán participar no Plan piloto en mobilidade sénior do estudo sobre ‘ Mobilidade Sénior, o camiño seguro de todos’, que desenvolve o Real Automóbil Club de España (RACE) en colaboración co Concello de Santiago.

O desenvolvemento dun programa formativo específico para persoas maiores de 50 entronca coa responsabilidade da USC na transmisión de todo o acervo cultural e científico do que é depositaria, sinalou o reitor Juan Viaño. O reitor sinalou como destinatarios dese patrimonio intanxible “a toda a sociedade en xeral, a toda poboación con independencia de que esta poida acceder a programas regrados, respondendo deste xeito á demanda de formación ao longo da vida profesional, formativa, cultural e aínda persoal de todos os cidadáns, incluídos os que non tiveron posibilidade de recibir unha formación universitaria no seu momento”.

A colaboración entre a USC e o Departamento de Educación e Cidadanía posibilitan “traballar de xeito cooperativo, sumando forzas para o desenvolvemento de actividades interxeracionais con todos os axentes sociais, colaboración en estudos sobre demandas e realidades do colectivo de maiores, formación ou difusión das ofertas das dúas institucións”.

Pola súa banda, o alcalde sinalou o convenio como “unha mostra máis da relación fluída e cooperativa que manteñen a Universidade e o Concello, dúas das patas da mesa da cidade”. Martiño Noriega insistiu en que a institución municipal ten que ser “un ente facilitador, e poñer todas as súas instalacións e recursos persoais ao dispor desta iniciativa da USC”.

The contents of this page were updated on 12.21.2015.