Skip to main content

A USC colabora co programa Yuzz de impulso do talento e a xeración de ideas innovadoras

Diríxese a persoas de entre 18 e 31 anos, ofrecéndolle formación e asesoramento na posta en marcha de ideas empresariais de base tecnolóxica

O programa Yuzz ‘Jóvenes con ideas’, coa colaboración da USC, mantén aberto ata o próximo 14 de decembro o prazo para que as persoas interesadas poidan presentar as súas candidaturas. Yuzz é un programa dirixido a persoas de entre 18 e 31 anos que ofrece apoio, formación e asesoramento durante un período de cinco meses para elaborar plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica. Nas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas e no último ano participaron preto de mil emprendedores con 710 proxectos en toda España.

A convocatoria, que busca impulsar o talento e a xeración de ideas innovadoras, permitirá que 20 emprendedores seleccionados en Santiago se incorporen ao programa e poidan beneficiarse do acceso ao edificio Emprendia da USC, un centro de alto rendemento no que contarán con espazo físico para desenvolver a súa idea e poderán relacionarse con outros emprendedores, recibir formación impartida por expertos profesionais e ser asesorados por titores individuais.

Finalizado o proceso de formación e apoio, o mellor emprendedor do Centro Yuzz Santiago ganará unha viaxe a Silicon Valley, considerada como a meca mundial da innovación, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ao seu retorno, competirá cos mellores proxectos nacionais por un premio (de 30.000, 20.000 e 10.000 euros) para acelerar o desenvolvemento do seu negocio.

O programa Yuzz está impulsado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), cuxa misión é o fomento do espírito emprendedor e impulsar a xeración de ‘start ups’. A través de innovadores programas formativos que incorporan metodoloxías áxiles e experiencias reais, o CISE estimula a creatividade das persoas e promove a innovación. O centro naceu do acordo da Universidade de Cantabria, o goberno de Cantabria e o Banco Santander a través do Santander Universidades.

The contents of this page were updated on 12.07.2015.